Hoxe tivemos un novo encontro con alumnos do curso de monitores de tempo libre, que nesta ocasión está a impartir a Escola de Tempo Libre Fervenza na Casa da Xuventude de Betanzos.
Como en anos anteriores, argumentamos que para conserva-lo patrimonio natural da nosa bisbarra é preciso ir máis alá das palabras e realizar actuacións de recuperación ambiental, como as que facemos nas nosas campañas. Xa dun xeito máis didáctico, explicámo-la forma de organizar xornadas de voluntariado ambiental para que realmente sexan eficaces e lles resulten satisfactorias ós participantes.
Complementámo-la nosa intervención no curso cunha visita á Reserva de Anfibios do Catorce, achegándonos logo a Espenuca, para ver un exemplo do proceso de rexeneración do bosque autóctono nunha das parcelas que alí custodiamos.