Rematada a campaña de reforestación

15 Abril 2023

 
Hoxe rematámo-la campaña de reforestación deste ano. O noso obxectivo nestas actuacións é reduci-la fragmentación, favorece-la conectividade ecolóxica e aumenta-la diversidade arbórea das nosas fragas.

Foto da reforestaciónFoi un traballo duro, pois actuamos en parcelas que presentaban varias dificultades. Por unha banda, houbo que elimina-los toxos e as silvas que impedían plantar, arrincando boa parte de raíz e cortando o resto, para logo ter que escavar en terreos con elevada pendente e moita pedra, frecuentemente con mal tempo. Ademais de plantar tamén puxemos titores, atamos as árbores ventureiras de pequeno porte para que medren dereitas e fixemos outros mantementos necesarios.

Como resultado, hoxe medran 518 novas árbores de 14 especies distintas en parcelas que custodiamos no Ollo da Roda (Oza-Cesuras) e na Espenuca e Os Vellos (Coirós). Todas elas proceden do noso viveiro de árbores autóctonas, onde as cultivamos partindo de sementes recollidas na nosa bisbarra, pois deste xeito temos asegurado que a súa xenética estea plenamente adaptada ás condicións edáficas e climáticas da nosa comarca. As especies empregadas nesta ocasión foron carballo, castiñeiro, freixo, pradairo, cerdeira brava, bidueiro, freixa, abeleira, salgueiro, loureiro, sabugueiro, sanguiño, estripo e abruñeiro. Para o próximo ano reservamos acivros, érbedos e pereiras bravas, pois a planta que temos aínda é demasiado pequena para levala ó monte.

Plantando con criterio científico

Foto da reforestaciónTras séculos de intervención humana, as fragas da nosa bisbarra padecen actualmente unha gran simplificación, tanto por ter pouca variedade de especies de árbores como por presentar escasa diversidade estrutural. Aínda que, segundo investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, son 22 as especies de árbores que poden considerarse como propiamente autóctonas da comarca de As Mariñas, a maioría está infra-representada; incluso é moi raro atopar algunhas delas.

Nas fragas é moi importante a diversidade de especies arbóreas. Dada a diferente fenoloxía das distintas árbores, a presenza dun número elevado de especies logra que sexa máis amplo o período anual no que hai algunha árbore ofrecendo brotes novos, pole, néctar ou froitos, dos que dependen numerosos animais para a súa alimentación, beneficiando así a un amplo rango de animais, que vai dende insectos polinizadores até aves e mamíferos. A heteroxeneidade na forma e no porte das distintas especies tamén ofrece maiores posibilidades de refuxio e nidificación, ademais de proporcionarlle ó bosque maior resiliencia ante os avatares climáticos.

Por todo isto é tan importante o tipo de reforestación ecolóxica que estamos a facer.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).