Dende que creámo-la Reserva de Anfibios do Catorce estamos intentando librala totalmente de especies exóticas invasoras. Pero hai unha que se nos está resistindo: a xunca olorosa. Tras arrincar en repetidas ocasións esta planta de orixe americana, pouco a pouco logramos reduci-la súa presenza, polo que estamos máis preto de erradicala.
Os exemplares que naceron esta primavera están empezando a florecer. Debemos arrincalos antes de que maduren as sementes e se espallen. Por esta razón temos programada unha xornada de voluntariado ambiental para o próximo domingo día 21, co obxectivo de arrincar tódolos exemplares que localicemos. É unha tarefa doada nun enclave de fácil acceso, apta para calquera.
Coma habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos. Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos e unhas luvas (mellor as de pintor ou de xardineiro que as de coiro). Lembra vestir roupa axeitada e calzado robusto (o máis conveniente son as botas de auga, pois o solo aínda está algo húmido). Non esquezas algo de picar e beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.
Se queres axudar a conservar este lugar de reprodución de 11 especies de anfibios, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.
Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 21 de maio de 2023.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.
Post data: Obxectivo cumprido. As 15 persoas que participamos nesta xornada de voluntariado logramos eliminar tódolos exemplares de xunca olorosa que atopamos na reserva. A súa biomasa pesou un total de 165,4 kg. Comparando este resultado co do ano anterior, hai que salienta-la notable redución da súa poboación, pois daquela levounos tres xornadas retirala, pesando a biomasa algo máis do triplo (534,25 kg). A finais de verán teremos que facer un segundo repaso, para arrinca-los exemplares que teñan nacido xa avanzada a estación. Pero este resultado dá esperanzas de acadar nun futuro próximo a total erradicación desta invasora na reserva, do mesmo xeito que xa o temos logrado con outras especies.
A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.