Xornada de voluntariado na ría de Betanzos

18 Xuño 2023

 
Nunha recente visita de inspección á ribeira da ría de Betanzos, detectamos que rozaron un paso entre o mato, descubrindo unha elevada cantidade de lixo que estaba oculto entre a vexetación. Antes de que medre de novo, queremos recollelo.

Para non demoralo máis, temos programado para este domingo día 25 unha xornada de voluntariado ambiental. Será un traballo sinxelo en terreo chairo, apto para calquera, nun magnífico entorno dentro do espazo natural protexido Betanzos-Mandeo.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas. Non fai falla levar ferramentas, pero son aconsellables unhas luvas (mellor as de coiro). Lembra vestir roupa axeitada e calzado robusto. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres botar unha man no mantemento deste espazo natural protexido, apúntate enviándonos un correo cos teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo 25 de xuño de 2023.
Hora: Ás 9:30, para rematar ás 14:00 horas.

Post data: A diferenza doutras ocasións, nesta xornada de voluntariado non pesamos no momento o lixo recollido, pois deixámolo amoreado na beira dunha canle. Uns días despois, cando a marea viva permitiu acceder á zona, fixemos catro viaxes coa lancha para transportalo, aproveitando para pesalo no porto de Betanzos. ¿Canto sumaron os refugallos recollidos polos 11 participantes desta xornada? 714,05 kg.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).