Basuraleza: 12 meses, 12 toneladas

13 Xullo 2023

 
Hoxe estivemos tres persoas recollendo lixo na marisma da ría de Betanzos. De volta no porto pesamos metodicamente os refugallos. Non sería nada especial, pois levamos meses apañando lixo coa axuda da nosa lancha.

O que fai excepcional a xornada de hoxe é que sumando o total do día co que temos recollido dende a súa botadura inaugural o 20 de agosto do ano pasado, resulta en 12.281,80 kg. Xa que logo, podemos dicir que a nosa campaña «Basuraleza: 12 meses, 12 toneladas» é un completo éxito, pois temos superado o obxectivo das 12 toneladas en menos dun ano.

Para retirar do esteiro, da xunqueira e das canles que a atravesan esta gran cantidade de lixo foi necesario saír un día cada semana, con independencia das mareas e das condicións meteorolóxicas. Este ritmo de traballo soamente viuse interrompido por dous contratempos: unha lesión que tivo ó patrón da lancha inoperativo algo máis dun mes e a paralización dun par de meses durante a tempada de reforestación deste ano, pois a plantación de árbores precisou moito do noso tempo. Noutras palabras, de non ser por estas contrariedades, puidéramos ter acadado o obxectivo incluso moito antes.

O éxito desta campaña manifesta dúas cousas. Por unha banda, que hai unha cantidade enorme de lixo na marisma, impactando negativamente nos organismos acuáticos e prexudicando este importante lugar de cría para numerosos peixes; pola outra, que con vontade pódese chegar a limpar completamente e mellorar significativamente o seu estado ecolóxico.

Nós non nos conformamos con estas 12 toneladas, como non o fixemos cos máis de 80 metros cúbicos que temos retirado nas sucesivas edicións da eco-regata. Seguiremos saíndo coa lancha a recoller lixo, pero agora repartindo o tempo coa eliminación dos plumachos que medran na xunqueira e nas súas proximidades.

A ría de Betanzos é un patrimonio natural con gran valor ambiental e paisaxístico, polo que merece ser conservado entre todos. ¡Non debemos permanecer pasivos!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).