Trece anos de compromiso co patrimonio natural

6 Xullo 2023

 
Onte a nosa mascota Dona cumpriu 13 anos, o que significa que hoxe estamos de aniversario, pois naceu o día anterior á constitución de Fragas do Mandeo. En termos caninos é unha anciá, estando dende hai uns anos felizmente xubilada e gozando de pequenos paseos polo monte. Pero no seu tempo tennos acompañado fielmente en longas camiñadas para localizar parcelas e animado nas distintas actuacións de custodia. Incluso foi protagonista dunha publicación destinada a que os escolares se impliquen na conservación da natureza.

O que son moitos anos para ela, resultan un breve período en termos humanos. Aínda así, neste tempo temos logrado consolida-la nosa entidade e demostrar do que poden ser capaces as persoas que se deciden a actuar en favor do noso patrimonio natural. Ó longo desta sección de noticias fomos publicando os sucesivos logros, pero podemos resumilos brevemente:

Fincas: A parcela mercada o pasado día 15 de xuño permitiunos cruza-lo limiar dos 300.000 m2 de superficie custodiada, a metade dela en propiedade. De media, cada ano temos mercado máis dunha hectárea de superficie.

Des-eucaliptización: Esta última parcela foi un eucaliptal; cando remate o verán iniciarémo-la eliminación dos rebrotes, como primeiro paso para reconvertela en bosque de ribeira. Levamos máis de 10 hectáreas transformadas pouco a pouco. Especialmente difícil foi o caso das nosas tenzas no miradoiro da Espenuca, onde recuperámo-las vistas sobre o lugar de Chelo. Nelas seguimos repasando os rebrotes coa finalidade de secar definitivamente os eucaliptos.

Reforestación: Este ano incrementámo-las árbores plantadas con 518 exemplares de ecotipo local de 14 especies autóctonas distintas, co obxectivo de aumenta-la densidade e a diversidade arbórea nas parcelas que custodiamos. Este xeito de reforestar con precisión trata de favorecer a numerosos tipos de animais, dende polinizadores a fruxívoros.

Viveiro: Estamos a reproducir 18 especies arbóreas autóctonas da nosa comarca, máis un arbusto, sumando neste momento máis de 3.000 exemplares en distintas fases de crecemento. Deste xeito temos garantido o subministro e a orixe xenética local da planta usada nas nosas reforestacións.

Basuraleza: Coa botadura inaugural da nosa lancha o día 20 de agosto demos inicio á campaña «Basuraleza: 12 meses, 12 toneladas». Malia un par de contratempos que interromperon as saídas semanais, xa levamos máis de 11 toneladas de refugallos recollidos na marisma da ría de Betanzos. Xa que logo, esperamos cumprir cun mes de antelación o obxectivo que nos temos fixado. Deste xeito sumarémo-lo resultado da campaña ós máis de 80 m3 de lixo que levamos retirado neste enclave nas distintas edicións da eco-regata.

Invasoras: Nestes anos temos eliminado 37 especies de plantas exóticas nos espazos naturais da bisbarra. A súa diminución resulta evidente, tendo logrado erradicar varias especies. Este ano estamos centrados na tradescantia no rego das Bouzas, na xunca olorosa na Reserva de Anfibios do Catorce e nos álamos brancos na praia da Alameda, sen por iso deixar de repasa-la súa presenza en tódalas zonas apadriñadas.

Reservas: Seguemos a face-lo mantemento das nosas reservas do Ollo da Roda e do Catorce, o que se traduce en actuacións constantes de diverso tipo, dende lavar os paneis informativos até roza-los camiños de acceso, pasando por importantes melloras dos hábitats.

Lagoa de Sobrado: Dende a nosa constitución custodiámo-lo observatorio e as parcelas que temos na lagoa de Sobrado dos Monxes. Tras máis de dúas décadas de servizo e diversos amaños necesarios (entre eles a reposición da cuberta), o observatorio precisa agora dunha severa reparación estrutural. Xa a temos apalabrada cun profesional da zona, polo que esperamos que pronto poida acometerse.

Conservar activamente a natureza non é doado, nin tampouco económico. Se che preocupa o rumbo que leva o patrimonio natural da nosa bisbarra, lembra que sempre poderás apoiar o noso traballo participando como voluntario ou facendo aquelas achegas que che permita a túa economía. En todo este tempo, as subvencións públicas soamente significaron o 27 % dos nosos ingresos, motivo polo que unicamente poderemos mante-lo ritmo de actuacións mediante a colaboración das persoas verdadeiramente comprometidas co patrimonio natural da nosa bisbarra.

Non debemos permanecer pasivos diante do agravamento da crise climática e de biodiversidade.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).