Para este domingo día 23 temos programada unha xornada de voluntariado ambiental na praia da Abeleira, co obxectivo de recoller lixo e de retirar especies exóticas invasoras.
Este areal está situado na ribeira esquerda da desembocadura do río Lambre, formando parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, integrado na Rede Natura. Xa temos actuado anteriormente neste lugar, pero aínda aparecen algúns exemplares de margarida africana e de crocosmia, pero sobre todo de tradescantia.
Serán tarefas sinxelas, onde primará máis a paciencia que o esforzo, aptas para calquera e desenvoltas nun curruncho pintoresco de fácil acceso.
Coma en ocasións anteriores, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos. Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos e unhas luvas de pintor ou de xardineiro. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.
Se queres axudarnos a manter en bo estado ecolóxico esta praia, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.
Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 23 de xullo de 2023.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.
Post data: Afortunadamente o tempo foi moi agradable nesta xornada de voluntariado. Os 15 participantes empezaron limpando toda a praia, para logo traballar arreo na eliminación dun foco de tradescantia localizado ó pé do cantil. O lixo pesou un total de 145,30 kg e a tradescantia 220,45 kg. Tamén arrincaron unha ducia de plantas de margarida africana e 16 tubérculos de crocosmia.
A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.