Xornada na praia da Alameda

8 Agosto 2023

 
Trala vaga de calor destes días, para o próximo domingo prognostican unha xornada con temperatura agradable. Xa que logo, imos aproveitar para achegarnos á praia da Alameda (Miño) a repasa-la presenza de especies exóticas invasoras e a recolle-lo lixo que atopemos.

Dende o ano 2011 apadriñamos esta praia, por selo areal de maior valor ecolóxico do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Daquela contábanse por centos os plumachos e había moitas outras especies exóticas invasoras. Temos logrado mellorar moito a situación, pero de cando en vez hai que revisar a súa reaparición, eliminando calquera planta invasora antes de que consiga proliferar.

Por este motivo, para o domingo día 13 temos programada unha xornada de voluntariado ambiental. Realmente non haberá moito traballo e será sinxelo, apto para calquera, nun entorno grato e con tempo bo.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas, coa idea de rematar ás 14:00. No caso de que decidas ir directamente, lembra avisarnos para non te esperar inutilmente. Non te preocupes polas ferramentas, pero leva unhas luvas se as tes e algunha prenda para cubrir a cabeza. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudarnos a manter en bo estado ecolóxico este enclave da Rede Natura, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 13 de agosto de 2023.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: A xornada foi un éxito, pois os 12 participantes acadaron completamente o obxectivo previsto. Arrincaron as 19 macollas de plumachos que localizaron no ameneiral posdunar, todas elas noviñas. Logo percorreron completamente o sistema dunar, recollendo lixo e arrincado sobre todo eixerón, mais tamén algún exemplar illado de áster americano e de palmito. O balance foi de 65,35 kg de biomasa de especies exóticas invasoras; cuantitativamente é un resultado modesto, pero demostra que o noso xeito de aborda-la eliminación das invasoras está resultando eficaz. Outro tanto pasa co lixo, do que retiramos 66,65 kg, pois esta escasa cantidade amosa a colaboración cidadá que, vendo o noso esforzo por manter esta praia limpa, espontaneamente recolle de cando en vez os refugallos que aparecen.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).