Xornada no río Mandeo

27 Agosto 2023

 
Na ribeira dereita do vello encoro das Pías medra un pequeno foco de tradescantia. Aínda que se sitúa augas arriba do treito de 7,6 km do río Mandeo que apadriñamos, pode chegar a coloniza-la beira do leito e logo propagarse augas abaixo, arruinando o traballo que levamos feito nos últimos anos para erradicar esta especie exótica invasora de orixe suramericano.

Co obxecto de evitar este risco, para o domingo día 3 temos programada unha xornada de voluntariado ambiental. Como as dimensións do foco aínda son reducidas, eliminalo non suporá moito traballo e será sinxelo, apto para calquera. O entorno ribeirego resulta fermoso e de fácil acceso, anunciando bo tempo o prognóstico meteorolóxico.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas, coa idea de rematar antes das 14:00. No caso de que decidas ir directamente, lembra avisarnos para non te esperar inutilmente. Non te preocupes polas ferramentas, pero leva unhas luvas (mellor as de pintor ou as de cociña) e uns protectores para os xeonllos, se dispós deles. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudarnos a manter en bo estado ecolóxico o espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 3 de setembro de 2023.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: A xornada desenvolveuse segundo o previsto. Por unha banda, malia o tempo chuvioso dos días previos, cumpriuse o prognóstico meteorolóxico e gozamos dun tempo agradable. Pola outra, eliminamos completamente o foco, pois os doce participantes arrincamos a bo ritmo toda a tradescantia, pesando 330,45 kg na báscula. Pero non podemos dalo por erradicado. Está situado nun punto onde o rio depositou area por riba das plantas, polo que é fácil que no futuro rebrote algún anaco que quedara enterrado. Non nos queda outra que vixialo até constata-la completa erradicación.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).