Rumbo á X Semana de Custodia

1 Setembro 2023

 
Hai dez anos que iniciámo-la celebración da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas, un evento anual que ten como misión difundir entre os cidadáns a necesidade de se implicar directamente na conservación do noso patrimonio natural a través da custodia do territorio, participando como voluntarios e doadores nas actuacións de mellora dos espazos naturais da nosa bisbarra. Co inicio do mes de setembro, xa é tempo de anuncia-la súa décima edición.

Imaxe do cartel da X Semana de Custodia do Territorio nas MariñasTitulamos o programa deste ano como As marismas mariñáns na encrucillada da conservación. Nun contexto de agravamento da crise climática, debemos lembrar que as marismas, ademais dos numerosos servizos ecosistémicos que nos proporcionan, forman parte do bioma que captura e confina de xeito seguro máis dióxido de carbono. Por este motivo debemos prestarlles especial atención e realizar esforzos serios na súa recuperación.

Dentro das actuacións que podemos acometer os cidadáns está a de retirar plásticos e todo tipo de refugallos. De feito, na marisma do Mandeo levamos recollidas 34 toneladas de lixo (34.285,10 kg) dende o ano 2014; boa parte desa cantidade grazas ós participantes nas eco-regatas da Semana de Custodia. De novo volveremos a facelo na deste ano, pero tendo tamén a oportunidade de que varios expertos nos permitan coñecer mellor os valores naturais que comparten as marismas dos ríos Mandeo, Lambre e Baxoi.

Por favor, descarga o programa e o cartel da Semana para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que a información chegue a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, por favor, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 105 903 ou envía un correo electrónico a correo@fragasdomandeo.org cos teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil, concello de residencia e actividades nas que desexas participar). Deste xeito terás un seguro de accidentes, recibirás indicacións detalladas por adiantado e facilitarasnos a organización.

Eco-regata na ría de Betanzos: Iniciámo-lo programa con esta multitudinaria recollida de lixo na marisma. Nas sete edicións anteriores retiramos un total de 18 toneladas (18.144,65 kg) de refugallos, pero aínda queda moito por apañar. Animamos a toda a cidadanía a participar nesta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións partirán cos equipos de voluntarios do porto de Betanzos, mentres outros voluntarios quedarán no peirao axudando a descarga-los sacos de lixo. Colaboran na organización asociacións de Betanzos (ARBE e Lar de Unta), de Bergondo (Club de Remo Olímpico do Mandeo e Asociación Ría do Pedrido) e de Paderne (Roxín Roxal). Tamén colaboran o Concello de Betanzos, Protección Civil e comercial Vicente de la Fuente. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha, indicando se vas embarcarte ou ben axudar no porto. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 16 de setembro, de 16:00 a 20:30 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

Explorando as marismas mariñáns: Como acto central da Semana programamos unha charla-coloquio con D. Joám Ferreiro, biólogo da SGHN experto na biodiversidade da zona intermareal do golfo Ártabro. Aínda que poderá seguirse presencialmente no Museo de Historia Natural de Ferrol, a charla será difundida telemáticamente, co obxecto de darlle maior audiencia; para conferirlle máis amenidade, terá un formato de entrevista, na que bos coñecedores do estado do noso patrimonio natural interrogarano sobre distintos aspectos das marismas e areais da nosa bisbarra.
Data: Xoves 21 de setembro, de 19:30 a 21:00 horas.
Lugar: Emisión telemática en directo (tamén dispoñible posteriormente en diferido) a través de Youtube na sesión do coloquio.

Noite de morcegos na xunqueira: A observación da natureza non remata co solpor. Un equipo da asociación Morcegos de Galicia ofrécenos a posibilidade de coñecer de preto os quirópteros que cazan insectos na marisma, utilizando detectores de ultrasóns e redes. Esta actividade forma parte da difusión do seu estudo sobre os morcegos galegos (proxecto SOnat). En particular, a prospección da xunqueira terá como obxectivo principal localiza-la presenza dun morcego migrador, o Pipistrellus nathusii, escaso e pouco coñecido no noso país. Máis datos na folla informativa.
Data: Venres 22 de setembro, de 20:00 a 22:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Limpeza simultánea de ríos: Este ano é a decimosexta edición da limpeza simultánea dos ríos galegos, que coordina o Proxecto Ríos. Para nós será a décima edición na que colaboremos. O ano pasado participamos 955 persoas e 63 entidades, logrando retirar máis de 8 toneladas de refugallos en treitos de ríos situados en 41 concellos. Este ano volveremos ó río Mendo para continuar recollendo lixo no entorno da ponte da Ermida. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 24 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Dentro dos espazos naturais da nosa bisbarra, as marismas son o tipo de hábitat que nos proporciona máis servizos ecosistémicos. Maltratadas durante décadas, xa vai sendo hora de aborda-la súa restauración de xeito sistemático con accións concretas. A Semana de Custodia é un evento consolidado, único na zona, na que ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa bisbarra atopan a oportunidade de actuar dunha forma directa, eficaz e coordinado na súa conservación.

O amor á natureza demóstrase con feitos, non con boas razóns.
 
A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado e apoia o proxecto SOnat de Morcegos de Galicia.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).