Charla a estudantes en Betanzos

5 Outubro 2023

 
Hoxe estivemos no Instituto de Educación Secundaria Francisco Aguiar para explicarlle ó alumnado cal é a importancia da custodia do territorio como ferramenta para afronta-la perda de biodiversidade local, incluíndo un resumo da súa historia en distintos países occidentais e detallando as campañas que estamos desenvolvendo na nosa bisbarra. A mensaxe final que transmitimos foi a de que, no ámbito da conservación da natureza, non hai maior erro que o cometido por quen non fixo nada pensando que tan só podía facer ben pouco.

Foto do alumnadoCando hai unhas semanas fomos convidados polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía a impartir esta charla, dentro da materia de Xeoloxía e Ciencias Ambientais de segundo curso de bacharelato, aproveitamos para propoñerlle ó alumnado que participara nas actividades da X Semana de Custodia, de xeito que puideran ter un contacto inicial coas nosas actuacións dende a perspectiva do voluntariado ambiental. De feito, a maioría dos matriculados nesta materia participou na eco-regata e na xornada de limpeza no río Mendo, razón pola que agora teñen un coñecemento da custodia do territorio tanto teórico como práctico.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).