A praia da Abeleira, obxectivo da próxima xornada

15 Novembro 2023

 
Sumándolle ós resultados da xornada do pasado domingo o feito por un par de persoas o luns e o martes, nestes tres días temos retirado 468,90 kg de lixo e 87,30 kg de biomasa de especies exóticas invasoras na desembocadura do río Lambre. Aínda que rematamos na praia da Alameda, está pendente unha recollida sistemática de lixo na veciña praia da Abeleira e seguir avanzando na eliminación do seu foco de tradescantia.

Foto do voluntariadoOs meteorólogos anuncian unha melloría do tempo a finais desta semana. Xa que logo, aproveitamos para convocar unha xornada de voluntariado ambiental na praia da Abeleira para o próximo domingo día 19. De novo, o traballo será sinxelo, apto para calquera, nun pintoresco entorno costeiro.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas, coa idea de rematar ás 14:00. No caso de que decidas ir directamente, lembra avisarnos para non te esperar inutilmente. Non te preocupes polas ferramentas, pero leva unhas luvas e uns protectores para os xeonllos se os tes. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Foto do voluntariadoNo caso de animarte a participar na mellora do estado ecolóxico deste enclave da Rede Natura, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 19 de novembro de 2023.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: A xornada comezou con algo de orballo, pero afortunadamente parou pronto. Os trece participantes percorreron todo o areal apañando 345,15 kg de lixo. O máis pesado foi unha maraña de cordas de batea. Non logramos retirar unha roda de camión enterrada no esteiro, pero xa pasaremos por ela outro día. Tamén deu tempo a arrincar 87,5 kg de biomasa de tradescantia.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).