Terceiro obxectivo: a praia Grande de Miño

21 Novembro 2023

 
Nos dous últimos domingos organizamos senllas xornadas de voluntariado nas praias da Alameda e da Abeleira, coa fin de recolle-lo lixo que depositaron nelas os temporais de primeiros deste mes. Pero aínda falta por limpa-lo terceiro areal que apadriñamos: a praia Grande de Miño.

Foto do voluntariadoHoxe estivemos nela centrados soamente en repasa-los rebrotes dun par de plantas exóticas invasoras. Co obxectivo de apaña-los refugallos, convocamos agora unha nova xornada de voluntariado ambiental para o próximo domingo día 26. Deste xeito aproveitaremos o bo tempo previsto, antes de que nos metamos de cheo no inverno e nas festas de Nadal.

Este areal é bastante extenso, polo que será precisa unha participación numerosa para lograr limpalo en toda a súa extensión.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas, coa idea de rematar ás 14:00. Se decides ir directamente, lembra avisarnos para non te esperar inutilmente. Non te preocupes polas ferramentas, pero leva unhas luvas se as tes. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

No caso de animarte a participar na conservación deste enclave proposto oficialmente para ser incluído na Rede Natura, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 26 de novembro de 2023.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Obxectivo cumprido. Primeiro pasamos pola praia da Abeleira, para recoller unha roda de camión que non puidemos levar na xornada precedente. Logo, os 14 participantes percorremos a praia Grande de Miño en toda a súa extensión, incluíndo tanto a zona supramareal coma o campo dunar. Retiramos un total de 613,35 kg de lixo, destacando entre os voluminosos dez rodas, varias marañas de cordas de batea e diversas estruturas plásticas, ademais de refugallos de todo tipo onde predominaban os restos de aparellos de pesca e de marisqueo. Cos resultados de hoxe, o retirado durante o mes de novembro nos tres areais que apadriñamos sumou 1.427,40 kg de lixo e 213,20 kg de biomasa de especies exóticas invasoras, grazas ó esforzo das 21 persoas que participaron nunha ou varias das xornadas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.

Foto do voluntariado


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).