Un novo estímulo para as doazóns

20 Decembro 2023

 
Logo da Axencia TributariaHoxe aparece unha boa noticia no Boletín Oficial do Estado: O goberno incrementa as deducións polas doazóns feitas a entidades que, como Fragas do Mandeo, están acollidas ó réxime fiscal de incentivos ó mecenado.

Até agora, a dedución do 80 % no IRPF soamente se aplicaba ás doazóns de até 150 euros; o próximo ano vai aplicarse ás doazóns de até 250 euros. Así unha persoa que nos doe 250 euros, recuperará na correspondente declaración da renda 200 euros.

No caso das empresas, a dedución no imposto de sociedades pasa de ser do 35 % a un 40 %; pero cando esa empresa foi mantendo ou incrementando esas doazóns dende dous anos antes, a dedución chega a ser do 50 %.

Poden verse tódolos detalles destas modificacións no Real Decreto-ley 6/2023, de 19 de diciembre, por el que se aprueban medidas urgentes para la ejecución del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia en materia de servicio público de justicia, función pública, régimen local y mecenazgo.

Cada vez son maiores os estímulos para facer doazóns en favor da biodiversidade da nosa bisbarra. Soamente coa vontade de colaboración de máis amantes da natureza poderemos incrementa-la nosa capacidade de actuación.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).