Xornada de tradescantia para remata-lo ano

11 Decembro 2023

 
Hai dez meses fixemos un par de xornadas de voluntariado na nosa Reserva do Ollo da Roda. O obxectivo era eliminar un foco de tradescantia, unha planta exótica invasora de orixe americana. Estaba situado a carón da pista e ameazaba con expandirse pola zona húmida. Daquela logramos eliminalo completamente, sacando un total 370,25 kg de biomasa.

Pero, tal como é habitual nesta especie, erradicala definitivamente non é doado. De feito, na última inspección da zona atopamos moitos rebrotes. Por ese motivo convocamos unha xornada de voluntariado para o próximo domingo día 17, aproveitando que non vai chover.

Arrincar esta planta é un traballo doado e o lugar resulta de moi fácil acceso, polo que será unha xornada apta para todos.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas, coa idea de rematar ás 14:00. Non fai falla levar ferramentas, pero pode ser útil conseguir uns protectores para os xeonllos e unhas luvas de pintor ou de xardineiro. Hai que lembrar vestir roupa axeitada e calzado robusto, pois o chan estará húmido. Por último, non esquecer algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres participar nesta xornada, por favor envíanos con antelación un correo cos teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia), para poder facerche un seguro de accidentes, comunicarche cambios de última hora e facilitárno-la organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 17 de decembro de 2023.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Aínda que non choveu, o tempo frío e a proximidade das festas do Nadal non animou á participación, reducida a seis persoas. Aínda así logramos retirar 74,35 kg de tradescantia e 17 kg de lixo. Como quedou por arrincar boa parte do foco, teremos que convocar proximamente unha nova xornada.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).