Avanzando na erradicación da tradescantia

22 Xaneiro 2024

 
Hoxe rematámo-la campaña invernal de eliminación de tradescantia no río Mandeo.

Erradicar esta planta exótica invasora de orixe suramericano non é doado. Trala eliminación inicial dos focos, hai que repasalos periodicamente. Basta que se teña deixado un pequeno fragmento de planta para que rebrote e chegue a recuperar toda a extensión do foco orixinal en pouco tempo.

Actualmente estamos percorrendo o río Mandeo no treito situado entre as pontes de Entrambasaugas e de Teixeiro. Isto significa camiñar 22 km por ambas beiras do río revisando atentamente a vexetación. Tamén percorremos o rego das Bouzas, dende a estrada de Espenuca até a súa desembocadura no lugar de Chelo, o que suma 2,7 km máis, malia que discorre por un terreo moi abrupto.

En total retiramos do río Mandeo 70,20 kg de tradescantia e 1,15 kg de lixo. No rego das Bouzas foron 172 kg de tradescantia e 90,40 kg de lixo; neste curso de auga puidemos observa-la presenza de varias especies ameazadas, froito do noso traballo para mellora-lo hábitat.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).