Deseucaliptizando Penizás

3 Xaneiro 2024

 
Esta mañá estivemos no monte da Espenuca deseucaliptizando unha parcela chamada Penizás. Ten unha extensión grande (1,5 hectáreas) e está situada na ladeira suroeste do monte, preto do cumio, nun lugar moi visible dende as poboacións próximas.

O traballo está resultando moi duro, debido a que a densidade de eucaliptos é altísima, o terreo ten unha elevada pendente e presenta grandes bloques de rochas, razón pola que en ocasións hai que reforza-la seguridade usando arneses e cordas. Debido a estas dificultades, temos organizada a eliminación dos eucaliptos en fases.

Dende novembro estamos a traballar na metade sur da parcela. Na primeira fase arrincamos de raíz as árbores máis pequenas, deixando o monte limpo e transitable. Deste xeito facilitámo-las tarefas da actual segunda fase, consistente en corta-los de maior grosor, amoreando coidadosamente toda a súa ramallada para que así podreza rapidamente e de paso proporcione refuxio a diversos animais.

Pero o caso é que hoxe decidimos deter este traballo. A natureza é quen nos determina a axenda e xa chegou a tempada de plantar, polo que agora temos que dedicarnos a transplantar as árbores reproducidas no noso viveiro, reforestando aqueles montes que xa temos deseucaliptizado. Tamén debemos continuar co repaso invernal das especies exóticas invasoras. En canto rematemos ámbalas dúas tarefas, volveremos a esta parcela co obxectivo de librala totalmente dos eucaliptos.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).