Xornada para retirar tradescantia no Ollo da Roda

30 Xaneiro 2024

 
A mediados de decembro organizamos unha xornada de voluntariado na nosa Reserva do Ollo da Roda para eliminar un foco de tradescantia. Pero o caso é que daquela o pequeno grupo de participantes non deu rematada a eliminación deste foco situado a carón da pista. É importante acabar con el canto antes, pois ameaza con expandirse pola zona húmida. Por ese motivo convocamos unha xornada de voluntariado para o próximo domingo día 4, aproveitando que o tempo será bo.

Arrincar esta planta é un traballo doado e o lugar resulta de moi fácil acceso, polo que será unha xornada apta para todos.

Tal como facemos habitualmente, quedaremos no Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas, coa idea de rematar ás 14:00. Non fai falla levar ferramentas, pero pode ser útil conseguir uns protectores para os xeonllos e unhas luvas de pintor ou de xardineiro. Hai que lembrar vestir roupa axeitada e calzado robusto (o mellor son as botas de auga), pois o chan estará húmido. Por último, non esquecer algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres participar nesta xornada, por favor envíanos con antelación un correo cos teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia), para poder facerche un seguro de accidentes, comunicarche cambios de última hora e facilitárno-la organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 4 de febreiro de 2024.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Os 10 participantes da xornada retiramos 117 kg de tradescantia e 271,95 kg de lixo. Como tampouco logramos rematar co foco, ó día seguinte achegámonos catro persoas para continua-lo traballo, sacando 92,20 kg de tradescantia e 1,30 kg de lixo. Sumando estes resultados ó feito na xornada de decembro, totalizamos 283,55 kg de tradescantia e 290,25 kg de lixo. Controlar este foco é importante, dada a súa perigosidade. Agora temos que estar atentos, revisando con frecuencia a reaparición desta tenaz invasora ó longo de todo este ano.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).