Rematando a campaña anual de reforestación

21 Marzo 2024

 
Hoxe visitámo-las escolas infantís de Coirós para participar na súa celebración do día mundial da árbore. Levámoslles senllas parellas de bidueiros, de loureiros e de carballos reproducidas no noso viveiro para poñelas nos seus xardíns. Os cativiños observaron con atención a súa plantación e axudaron a regalas. Esta actuación tivo inicialmente un simple sentido educativo. Pero tamén poderiamos dicir que simbólico, pois medrarán a canda eles: A meirande parte dos exemplares teñen a mesma idade que os propios cativos.

Xa fóra do simplemente testemuñal, podemos apuntar que a nosa campaña anual de reforestación está próxima a rematar. Temos actuado en tres enclaves e levamos plantadas 524 árbores, dentro das que se atopan os primeiros acivros e érbedos que temos propagado no noso viveiro. Como en anteriores ocasións, tratamos de recrear unha fraga con alta biodiversidade arbórea, sempre usando especies consideradas como autóctonas da nosa propia bisbarra.

Nas parcelas dos Vellos e da Espenuca reforzámo-lo plantado en anos anteriores. Deste xeito, o bosque da primeira agora conta con 17 especies arbóreas distintas. O segundo cunha menos, pois como non linda co río non poden prosperar nel os ameneiros. Un gran cambio se temos en conta que foron eucaliptais.

Ó longo deste mes estivemos reforestando a última parcela incorporada á nosa reserva do Ollo da Roda. Lindeira co río Mendo, tamén foi un eucaliptal, tendo aproveitado para mercala cando foi tallado. Na xornada de voluntariado de primeiros deste mes eliminámo-los rebrotes dos eucaliptos e preparámo-la para poder reforestala. Coas 236 árbores plantadas agora, ampliámo-la extensión do bosque de ribeira da reserva, composto actualmente por 18 especies distintas.

A estación vai moi adiantada, motivo polo que pronto rematarémo-la campaña deste ano.

Post data: Na última semana do mes plantamos en Penizás (A Espenuca), aproveitando que a finais do ano pasado deseucaliptizamos parte desta extensa parcela. Finalmente, a campaña rematou cun total de 606 árbores plantadas de 16 especies distintas en 4 enclaves, un resultado sensiblemente superior ó do ano pasado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).