IV Semana de Custodia nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Setembro de 2015

 

Día 19 – Especies exóticas invasoras: un reto para a custodia do territorio

A xornada de conferencias desta cuarta edición estivo centrada nun problema considerado grave, tanto no plano local coma no planetario, pois as especies exóticas invasoras están consideradas como unha das causas máis importantes de perda de biodiversidade. Os expertos que interviñeron centráronse nas especies de flora e fauna que temos na bisbarra, ou que ameazan con chegar proximamente, e nas medidas que poden implantarse para frear o seu avance e incluso erradicalas.

Presentación da xornada; de dereita a esquerda, D. José Antonio Santiso (presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos), D. Ramón García (alcalde de Betanzos) e D. Fernando Bandín (Fragas do Mandeo).

D. Jorge Mouriño, de Arcea Xestión de Recursos Naturais, explicou os problemas que causa a flora exótica invasora.

A Dra. Lucía Latorre, da Seychelles Islands Foundation, abordou as especies de fauna exótica que están invadindo a bisbarra.

D. Eliseo Zaera, supervisor do Departamento de Parques e Xardíns do Concello de Oleiros, transmitiu a súa experiencia na eliminación de especies exóticas, especialmente os plumachos e a nespra asiática.

Dª. Natividad Gilsanz, técnico de medio ambiente do Concello de Miño, explicou a súa experiencia na erradicación de invasoras, incidindo na colaboración con distintas ONG.

A mesa redonda estivo moderada por D. Juan Neira, secretario do padroado de Fragas do Mandeo (á dereita), incluíndo a participación de D. Jorge Blanco, xestor da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e cos especialistas que interviñeron previamente.

Igual que o ano anterior, a xornada volveu a contar con numeroso público para un tema tan especializado.

 

Día 20 — II Eco-regata na ría de Betanzos

Este domingo pola tarde celebrámo-la segunda edición desta xornada de voluntariado ambiental na marisma da ría de Betanzos, na que participaron seis embarcacións. A superficie de xuncal na que se limpou foi significativamente superior ó ano pasado, pois nas zonas onde se actuou anteriormente notábase menos concentración de refugallos. Enchéronse preto dos 300 sacos que levamos, ós que hai que sumar un vertedeiro, dúas neveiras, un pneumático de camión e numerosas pezas de poliexpán que non collían nos sacos. Ó remate, os voluntarios déronlle un final festivo a unha xornada na que participaron 40 persoas.

Entre os refugallos máis grandes que se atoparon no xuncal había dúas neveiras.

As lanchas tiveron que facer varias viaxes a porto para transportar tódolos sacos de lixo que amoreaban os voluntarios na beira da auga.

Atopamos moitas pezas de poliexpán empregadas na industria pesqueira. A súa facilidade para fragmentarse produce numerosos residuos de pequeno tamaño que son confundidos con alimento polas aves mariñas. Fai falla un substituto que sexa biodegradable, pois os plásticos xa aparecen no corpo do 90 % delas.

Na eco-regata participaron embarcacións de tódolos tamaños, gozando os voluntarios dunha agradable travesía.

Os voluntarios que quedaron no porto axudaron a desembarca-los sacos e amorealos no peirao.

As cadeas humanas facilitaron a descarga dos sacos de lixo e refugallos de todo tipo traídos polas lanchas.

As últimas embarcacións foron chegando a porto no solpor.

Os equipos traballaron arreo até a última hora, cando tiveron que recoller por facerse de noite.

Coa morea de refugallos apañados no xuncal enchéronse dous grandes contedores que quedaron no peirao á espera de seren transportados a un punto de tratamento.

Os cativos tamén recolleron lixo, pero limitáronse ó porto, pois o xuncal é moi dificultoso para eles.

No porto, unha monitora de tempo libre organizoulles ós cativos actividades mentres os adultos estaban no xuncal recollendo lixo.

Cos refugallos recollidos, os cativos compoñeron unha figura humana.

O equipo gañador da lancha Pablo recolleu o seu premio: unha empanada de bacallau que compartiu co resto dos voluntarios.

Os voluntarios que se quedaron á pequena festa do remate da xornada fixeron unha foto de equipo para lembrar esta segunda edición.

Na eco-regata colaboraron Amigos dos Ríos de Betanzos, Asociación Ría do Pedrido, Lar de Unta, Roxín Roxal e Casa Castillo Betanzos. Agradecemos tamén a colaboración do Concello de Betanzos, Protección Civil de Betanzos e comercial Vicente de la Fuente.

E, ¡como non!, a tódolos voluntarios e voluntarias que amosaron que a súa preocupación polo medio ambiente vai máis alá de simples palabras.

Data publicación: 21-9-2015
Última modificación: 19-2-2019
>> Páxina seguinte: Carteis

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).