Betreuung Kampagne eines Mikro Reserve für Amphibien Kampagne eines Mikro Reserve für Amphibien
Es tut uns leid, diese Seite ist noch in Arbeit! Die Ehrenamtlicher von Fragas do Mandeo arbeiten in ihrer Freizeit, um Ihnen die deutsche Version so bald wie möglich anbieten zu können. Statt dessen bieten wir Ihnen die galicische Version an.
O 5 de xullo de 2016 Fragas do Mandeo e o Concello de Coirós asinaron un acordo de custodia do territorio polo que o concello cedeunos por 50 anos o uso e a xestión de tres parcelas lindeiras de titularidade municipal co obxecto de crear unha microrreserva de anfibios.
As parcelas suman unha superficie de 38.527 m2. Están situadas na aba oeste do monte de Pedra Partida, nun lugar coñecido co nome de O Catorce, topónimo que fai referencia a unha antiga feira que se celebraba tal día do mes.
A creación dunha microrreserva
As microrreservas son espazos protexidos ―oficialmente ou por iniciativa privada, como neste caso― con superficie normalmente inferior ás 20 hectáreas. Son unha figura moi útil para conservar pequenos enclaves que albergan valores naturais relevantes, tales como puntos de reprodución de anfibios, colonias de morcegos, prados nos que se asentan poboacións de bolboretas ameazadas ou lugares onde sobrevive flora endémica rara. A lexislación galega non as contempla actualmente na súa rede de espazos naturais protexidos, a diferenza do que acontece noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.
Advertidos polos herpetólogos da riqueza en especies de anfibios deste enclave, Fragas do Mandeo decidiuse a custodialo creando a que, segundo estes expertos, é a primeira microrreserva de anfibios de Galicia.
O elemento que caracteriza este espazo é a canteira de granito que ocupa a metade da superficie. Tras abandonarse a súa explotación na década de 1980, iniciouse un proceso de naturalización espontánea. A acumulación de auga de escorrentía na zona escavada permitiu a aparición de vexetación palustre e que medraran salgueiros (Salix atrocinerea). Pero o máis salientable é a elevada diversidade de anfibios localizados nas pequenas e pouco profundas charcas estacionais que se forman nela.
O resto da superficie está ocupada por un monte condicionado polos abondosos afloramentos graníticos e por solos pouco profundos. Tras presentar unha etapa de deforestación grave na década de 1950, foi colonizado principalmente por eucaliptos. As árbores autóctonas teñen pouca representación e son de tamaño pequeno, situación que pode afectar negativamente á biodiversidade da zona, aconsellando tomar medidas para garantir que co paso do tempo aumente o número de exemplares que acade idades avanzadas. Aínda así atópanse loureiros (Laurus nobilis), carballos (Quercus robur), bidueiros (Betula pubescens), piñeiros (Pinus pinaster) e acivros (Ilex aquifolium).
A riqueza en anfibios
A canteira ten unha gran importancia para as poboacións locais de anfibios, téndose atopado nela 11 das 14 especies de anfibios galegos, o que representa o 79 % das nosas especies de rás, sapos, tritóns e píntegas. A continuación amosámo-los datos proporcionados por herpetólogos do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva da Universidade da Coruña e pola Sociedade Galega de Historia Natural. As especies marcadas cun asterisco están incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e as que figuran cun comentario son as que están ausentes neste espazo.
Saramaganta rabilonga | Chioglossa lusitanica * | Presente na contorna |
Píntega común | Salamandra salamandra | |
Limpafontes verde | Triturus marmoratus | |
Limpafontes común | Lissotriton boscai | |
Limpafontes palmado | Lissotriton helveticus | |
Sapiño comadrón | Alytes obstetricans | |
Ra das veigas | Discoglossus galganoi | |
Sapo de esporóns | Pelobates cultripes * | Ausente |
Sapo común | Bufo spinosus | |
Sapo corriqueiro | Epidalea calamita | |
Estroza | Hyla molleri * | |
Ra dos regos | Rana iberica * | Presente na contorna |
Ra vermella | Rana temporaria * | |
Ra verde | Pelophylax perezi |
A saramaganta e a ra dos regos non están presentes na reserva porque prefiren a auga corrente dos regatos próximos, moito máis osixenada que a das charcas estacionais. No caso do sapo de esporóns, a súa zona de distribución non inclúe a metade norte de Galicia.
A presenza de réptiles
A representación de lagartos, lagartixas e serpes non é tan extensa, pois soamente se teñen localizadas 7 das 25 especies autóctonas galegas, o que significa o 28 % da súa biodiversidade.
Esgonzo común | Chalcides striatus | |
Lagartixa galega | Podarcis bocagei | |
Lagarto arnal | Timon lepidus | |
Escáncer común | Anguis fragilis | |
Cobra viperina | Natrix maura | |
Cobra de colar | Natrix natrix | |
Víbora de Seoane | Vipera seoanei |
Avanzando en fases
A prioridade da microrreserva é a preservación de condicións axeitadas para o mantemento ―¡ou incluso incremento!― das poboacións de anfibios. Para isto resulta imprescindible impedir toda potencial agresión ó hábitat, garanti-la calidade da auga e favorecer un réxime hídrico óptimo.
Coa colaboración de voluntariado ambiental, desenvolvémo-la fase inicial de actuacións nos primeiros cen días. Intervimos principalmente na canteira, retirando todo o lixo presente e erradicando a flora exótica invasora (Cortaderia selloana, Buddleja davidii, Cyperus eragrostis, Conyza canadensis e Aster squamatus). Xestionamos toda a ramallada de eucalipto abandonada alí tras da última corta ―os seus compostos fenólicos poden degrada-la calidade da auga― e a continuación cortámo-los eucaliptos que rebrotaran e secámo-los seus cepos. Coa colaboración de persoal e maquinaria do Distrito Forestal II, rozámo-lo exceso de mato, librámo-los camiños da vexetación que dificultaba o paso, renovámo-las charcas que estaban atacadas de materia orgánica e creamos catro novas.
Durante o ano 2017 soamente realizamos tarefas de mantemento, continuando coa eliminación de especies exóticas invasoras, o secado dos rebrotes de eucaliptos na zona da canteira e a retirada do exceso de vexetación en unha das charcas. A seca obrigounos a levar auga para salva-los cabezolos que aínda non se metamorfosearan. Finalmente non iniciámo-la segunda fase de actuacións ―na que se precisaba contratar a profesionais― por non atopar financiamento externo, habida conta de que o convenio carece de dotación económica.
Grazas ás xestións realizadas o ano anterior, a mediados de 2018 puidemos executa-la segunda fase cunha axuda a cargo dos fondos FEADER*, coa que sufragamos o 90 % do importe das facturas dos profesionais. A primeira actuación foi a dun xestor autorizado de residuos que retirou tódalas uralitas con amianto contaminante, tanto as fixadas nos edificios coma as moreas que alí foron abandonadas. Especialistas en tala en altura cortaron os eucaliptos que medraban nas paredes rochosas. Nos desniveis instalamos valados para evitar caídas accidentais. Rehabilitámo-lo arruinado edificio do vestiario para que sirva de abrigo ós voluntarios e ás visitas organizadas no caso de inclemencias meteorolóxicas. O transformador convertémolo nun refuxio de morcegos e aves nocturnas. Por último, instalamos unha barreira de acceso para impedi-lo paso de vehículos non autorizados, un panel informativo que permite identifica-las especies galegas de anfibios e un par de carteis con advertencias de seguridade.
Paralelamente, os voluntarios seguiron realizando tarefas de mantemento, eliminando especies exóticas invasoras, retirando exceso de vexetación das charcas que o precisaban e rozando mato. Pero o que máis traballo lles levou foi cortar tódolos eucaliptos presentes nas dúas hectáreas de bosque, amorear a súa ramallada e seca-los cepos.
Por último, tamén mellorámo-la retención de auga. Por unha banda, cubrimos con arxila o muro dunha charca para evitar filtracións e escavamos unha cuneta para canalizar cara ela toda a auga que se perdía polo camiño de entrada. No extremo sur da reserva formamos unha nova charca construíndo un muro de arxila por onde a auga abandona a canteira. Con estas intervencións esperamos que a reserva dispoña de auga durante máis tempo, pois a escaseza de choivas dos dous últimos anos mantívoa totalmente seca durante moitos meses.
Sempre se agradece unha axuda
Os anfibios están considerados como o grupo animal máis ameazado do planeta. Entre as principais causas do seu declive están a destrución dos seus hábitats, a contaminación da auga, o incremento de radiación ultravioleta (UV-B), enfermidades infecciosas como a quitridiomicosis e a fauna exótica invasora, todo elo agravado polo cambio climático. Pequenos enclaves como este, aínda que polo seu pasado industrial non teñan un especial valor paisaxístico, poden ser relevantes para a conservación das poboacións locais de anfibios.
Esperamos que a reserva do Catorce serva de exemplo a imitar noutras comarcas. Pero para chegar a ser un referente necesitamos da colaboración de voluntarios que nos axuden nas tarefas de mantemento, de herpetólogos que monitoricen as melloras do hábitat, de entidades e particulares que nos apoien economicamente, etc.
Se queres ser parte da creación desta reserva botando unha man, na sección Contacto tés tódolos datos necesarios.
*As axudas do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) están financiadas no 75 % pola Unión Europea, no 2,50 % polo Ministerio de Agricultura e no 22,50 % pola Xunta de Galicia. Están xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) coa colaboración dos grupos de desenvolvemento rural (neste caso a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos). A iniciativa presentada foi cualificada de “proxecto non produtivo de prioridade alta”, ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme á estratexia de desenvolvemento local participativo), da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR), co nº de expediente L17 1920 23 0058.