Eukalyptenfrei

Kampagne für die Betreuung der Wälder am Fluss Mandeo

Es tut uns leid, diese Seite ist noch in Arbeit! Die Ehrenamtlicher von Fragas do Mandeo arbeiten in ihrer Freizeit, um Ihnen die deutsche Version so bald wie möglich anbieten zu können. Statt dessen bieten wir Ihnen die galicische Version an.

Un dos principais obxectivos de Fragas do Mandeo, ante a ameaza que supón a cada vez maior presenza do eucalipto, é conserva-las fragas do val do río Mandeo mediante custodia do territorio. O que buscamos é preserva-la notable biodiversidade da zona mantendo hábitats axeitados para as numerosas especies ameazadas que habitan nela. Por iso iniciamos esta campaña co lema “Un castiñeiro máis, un eucalipto menos”.

Cartel da campaña “Un castiñeiro máis, un eucalipto menos”O tramo inferior do río Mandeo discorre por un val de ladeiras empinadas. Nelas atopou refuxio un bosque caducifolio diverso grazas a que, en orografía tan abrupta, non compensa economicamente a súa explotación forestal.

No ambiente temperado da fraga atópanse colonias de fentos ameazados como a Woodwardia radicans, o Trichomanes speciosum e o Hymenophyllum tunbrigense, entre outros. A inversión térmica que se produce no val, con zonas asolladas nos cumios e frescas no fondo, favoreceu a supervivencia dunha poboación de lagartixa da serra (Iberolacerta monticola), oficialmente protexida porque normalmente vive en zonas de maior altitude. Son soamente algúns exemplos do longo listado das especies nativas.

Respecto das súas ribeiras hai que destaca-la presenza dun hábitat prioritario, o bosque aluvial de ameneiros e freixos (codificado oficialmente como hábitat 91E0). Baixo este bosque e acompañando ó río, o fento real (Osmunda regalis) amósase como unha espectacular orla dourada no outono. As ladeiras do val están cubertas por unha fraga denominada tecnicamente carballeira galaico-portuguesa (hábitat 9230), pero tamén prosperan as matogueiras, destacando as toxeiras e queirogais de Erica arborea.

Malia os valores naturais destas fragas, soamente a zona máis próxima ó río forma parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Como dixemos, a principal ameaza é o proceso de eucaliptización, no que árbores ventureiras colonizan o bosque autóctono sen que se lle poña coto oficialmente.

Actualmente custodiamos montes en dúas zonas do concello de Coirós (en Espenuca 116.668 m2 e en Ois 53.254 m2) e seguimos buscando novos acordos con propietarios. Deste xeito garantímo-la conservación dos hábitats naturais e incluso podemos eliminar eucaliptais, o que redunda tamén na mellora da paisaxe do val.

Des-eucaliptizando as fragas do Mandeo

Cando chegamos a un acordo de custodia, sexa por adquisición ou por cesión gratuíta do monte, o primeiro que facemos é elimina-los eucaliptos; logo xestionámo-la finca para que se recupere o bosque autóctono. Actualmente xa os erradicamos en tres parcelas que suman 11.762 m2.

Noutros casos a parcela xa presenta un hábitat que está nun bo estado de conservación. Xa que logo, soamente hai que facer unha labor de vixilancia para impedi-la aparición de especies exóticas ventureiras (habitualmente eucaliptos e acacias).

Imaxe traballando no monteDependendo das características dos montes con eucaliptos, temos optado por dúas solucións distintas. Nun fixemos unha plantación e nos outros dous eliximos un proceso de rexeneración espontáneo. Carballos, castiñeiros, bidueiros, sanguiños e pereiriñas bravas están medrando a bo ritmo no lugar que ocupaban antes os eucaliptos.

Tralas cortas, en tódolos montes tivemos que xestiona-la ramallada que deixaron os madeireiros, ademais de poñer titores ás árbores autóctonas que sobreviviron e quedaron deitadas.

O traballo máis duro ―e que nos levou máis tempo― foi seca-los cepos dos eucaliptos para evitar que abrollen de novo. Fixémolo empregando ferramentas manuais para arrincarlles a casca e danar severamente o cámbium (o tecido vexetal do que xorden os abrollos, situado entre a casca e a madeira), de xeito que os cepos terminen podrecendo. A ferramenta máis útil para este traballo foi un pequeno machado tipo Pulaski, que ten unha folla de machado por un lado e polo outro un sacho con corte: serve tanto para quita-la casca coma para arrincar de raíz os cepos máis pequenos. Con isto evitamos utilizar produtos químicos e os cepos mortos serán deleitados por insectos xilófagos.

Todas estas tarefas para rexenera-la fraga son realizados por voluntarios que altruístamente dedican tempo libre a traballar en favor da natureza.

Reforestando con visión

Foto do monte de Os VellosNa parcela na que optamos pola reforestación, decidimos crear unha banda de arborado denso no lado da finca que linda cunha estrada. Cando medre, dará suficiente sombra para impedi-la proliferación do mato, de xeito que se dificulte a transmisión e a intensidade dos lumes que poidan proceder da estrada. E ningunha árbore autóctona mellor que o castiñeiro, pois é a de follas máis grandes.

Como plantamos para que os castiñeiros cheguen a vellos e non pensamos cortalos, rexeitamos as variedades de produción de madeira. Buscamos entre as variedades de obtención de froita unha que estivese adaptada ó noso clima. A fauna local agradecerá as castañas, e tamén algún que outro viandante. Tamén decidimos micorrizalos, pois inoculando fungos nas súas raíces, logramos que os castiñeiros medren mellor. E co tempo, debaixo deles nacerán setas comestibles.

Contamos coa xenerosa colaboración de dúas empresas locais: Orballo Innovaciones Forestales, que proporcionou as plantas, e Fungicultura Muíños, que se encargou da micorrización. Esperamos que a nosa plantación serva de experiencia visible que faga meditar ós veciños noutras alternativas forestais á plantación de especies de crecemento rápido para pasta de papel.

Os nosos voluntarios encargáronse de plantalos, regalos e de ir eliminando os toxos que volven a saír na parcela.

Pensando na fauna

Imaxe traballando no monteAcompañando os traballos de reforestación, hai outras actuacións para favorece-la presenza da fauna.

Con parte da ramallada fixéronse moreas que agora serven de refuxio para pequenos vertebrados. A reparación dun valado de pedra seca —deixando aparte o seu valor etnográfico— tamén proporciona acubillo a distintos animais, entre eles o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). Co mesmo obxectivo amoreamos pedras para permitir que se escondan noutros puntos da parcela.

Apúntate a des-eucaliptizar

Se queres axudarnos a que nas fragas do río Mandeo no canto de eucaliptos haxa máis castiñeiros, carballos e outras árbores autóctonas, por favor, fainos unha doazón para que podamos mercar máis parcelas ou ponte en contacto connosco para colaborar como voluntario. Tés tódolos datos necesarios na sección Contacto.

Veröffentlichungsdatum: 20-8-2014
Letztes update: 17-8-2017
>> Nächste Seite: Der Wald von A Espenuca

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).