Flores no medio do inverno

10 Febreiro 2011

 
Aínda quedan bastantes días para que remate o inverno, pero xa se nota como as horas de luz se incrementaron notablemente dende o solsticio, alá polo 21 de decembro.

A natureza, expectante ante estes cambios, organiza os seus ciclos anuais conforme á lonxitude dos días. A pesares de que asociamo-las flores á primavera, o certo é que nos bosques caducifolios das ribeiras dos nosos ríos xa podemos ver longos acios de flores pendurando nas abeleiras (Corylus avellana). No sotobosque, aproveitando que a cuberta arbórea está aínda sen follas, os cáncaros (Primula acaulis) énchense de flores e os narcisos silvestres (Narcissus spp. ) alegran a paisaxe coa súa viva cor amarela. Incluso as amorodoeiras (Fragaria vesca) empezan a abri-los diminutos casulos, deixando ve-los brancos pétalos.

Certamente, a árbore máis vistosa nesta época é a mimosa (Acacia dealbata). A súa floración resulta espectacular, enchéndose de pequenas flores amarelas. Así se explica que esta especie invasora fora plantada nos xardíns. Hoxe, espallada polo monte, é un perigo para os nosos ecosistemas naturais. Esta época do ano é precisamente o momento para valora-lo alcance da súa colonización na comarca. Non podemos deixar de recomenda-la eliminación destas árbores, reservándoas para onde a súa función ornamental teña sentido.

Varias especies de aves están a formar parellas e buscan lugares axeitados para os niños. Algunhas, como as pegas (Pica pica), xa foron vistas transportando paoíños no peteiro. A nosa mascota Dona, pola súa banda, vai medrando e xa ten sete meses e trinta quilos de peso, amosándose chea de vida e algo tarambaina.

Namentres, en Fragas do Mandeo seguimos traballando diante do ordenador e rodeados de papeis. Entre outros trámites, presentamos na Axencia Tributaria a declaración de doazóns do ano 2010, o que lles permitirá a estes doadores particulares ver recompensada a súa xenerosidade cunha dedución nas súas declaracións da renda (IRPF) do 25% da cantidade achegada.

O comezo do ano é tamén a época de presentar solicitudes de subvención ante empresas e organismos. Aínda que non atopamos ningunha convocatoria de axudas destinadas ó fin principal de Fragas do Mandeo (a adquisición de fincas para conservación), non deixaremos de aproveita-la ocasión e solicitaremos subvencións que permitan facer actividades relacionadas coa custodia do territorio.

Por iso, de novo queremos lanza-la reflexión de que se queremos conserva-la nosa paisaxe e os nosos ecosistemas, temos que achegar recursos propios. Unha doazón, por pequena que sexa a cantidade, e sen compromiso de ningún tipo, permitirá a Fragas do Mandeo mercar fincas de valor ecolóxico na bisbarra e garanti-la súa conservación.

Pénsao, e non o deixes para outro día.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).