As cores da fraga

6 Abril 2011

 
Estas datas de finais de marzo e primeiros de abril son unha ledicia para os afeccionados a observa-las aves. Moitas son as especies que están apuradas transportando palliñas coas que face-lo niño, e os machos non deixan de cantar con tódalas súas forzas para marca-lo seu territorio. Nesta época é na que máis facilmente poden contemplarse algunhas especies, pois logo, cando xa estean criando, hanse volver crípticas, para que ningún predador detecte onde agochan os poliños. Así, por exemplo, comendo entre as follas dun mesmo salgueiro podemos observar doadamente catro especies de ferreiriños: o común (Parus ater), o bacachís (Parus caeruleus), o abelleiro (Parus major) e o subeliño (Aegithalos caudatus). Máis adiante soamente os veremos pasar fuxidiamente.

Pero tamén é unha época para admira-la paisaxe natural. As distintas especies arbóreas van botando as follas, e cambiando a cor segundo estas medran. As árbores máis adiantadas foron os salgueiros, cunha cor verde azulada que logo virará a un verde cincento. Os bidueiros amosan un verde gaio que contrasta coa súa cortiza branca. Dos carballos agroman unhas follas cobreadas, que van reverdecendo segundo medran. Os castiñeiros, moito máis retrasados, pois aínda non botaron follas, déixannos ve-la fermosa estrutura das súas copas. Pola contra, os loureiros, como lles corresponde por seren de folla perenne, destacan co seu verde escuro, igual que no resto do ano. Así, situados nun punto no que teñamos un bo panorama dunha fraga, poderemos determinar claramente a composición do bosque autóctono.

Dende o local de Fragas do Mandeo divisamos unha pequena fraga de vellos carballos na que se celebran as festas da aldea. Tralo seu esplendor, álzase na distancia o monte da Espenuca. Non esperedes ver na súa aba oeste ese mosaico de cores. Alí soamente ten presenza a grisalla dos eucaliptos afectados polo gurgullo. A tristeza desta cor continúa monte abaixo até o lugar de Chelo, acurralando o bosque autóctono na beira do río e nas zonas máis escarpadas.

É unha pena que un recanto tan emblemático para a bisbarra, o miradoiro onde se levaba á xente de fóra que estaba de visita para que tivera unha visión do val do Mandeo, non teña quen o defenda. ¿Quen se preocupa de que perdera todo o seu valor paisaxístico? ¿Que entidade ou particular está facendo algo para reverte-la situación?

En Fragas do Mandeo estamos a intentalo. ¡Bótanos unha man!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).