Presentación na Coruña con Wood Feelings

7 Xullo 2014

 
Fragas do Mandeo foi invitada de novo a expoñe-lo seu proxecto na Coruña, tendo nesta ocasión como anfitrión a empresa Wood Feelings. Se no PechaKucha Night soamente tivemos 6 minutos e 40 segundos para falar, tal como corresponde a este singular formato de evento, o próximo venres estenderémonos o tempo que faga falla e o público formulará as preguntas que desexe.

Imaxe de Wood Feelings Wood Feelings é unha pequena empresa que xoga coa fonética do seu nome, pois deseña e fabrica artesanalmente mobles de alta calidade realizados en madeira maciza tratada con produtos ecolóxicos. Radicada en Cambre, esta nova iniciativa empresarial será presentada esta semana no Hangar de Test. Como parte do seu compromiso social, vai apoia-la custodia do territorio de Fragas do Mandeo na medida das súas posibilidades. Xa que logo estamos dobremente agradecidos por invitarnos a participar no seu evento de presentación e por axudar na conservación da natureza da bisbarra.

Desexámoslles éxito na súa singradura.

Lugar: Hangar de Test, rúa Barcelona 58 (A Coruña).
Data: 11 de xullo, ás 19:30 horas.

Máis información no perfil de Facebook de Wood Feelings.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).