Presentación do Life Fluvial en Chelo

14 Marzo 2018

 
A próxima semana vai presentarse o proxecto Life Fluvial na aula da natureza de Chelo. A Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, organizadora do evento, invitounos a dar unha breve charla que versará sobre a custodia do territorio como ferramenta de xestión do patrimonio natural.

Logo do Life FluvialEste proxecto ten como finalidade mellora-lo estado de conservación dos corredores fluviais da rexión atlántica ibérica, centrándose nos bosques de ribeira de ameneiros e freixos (hábitat prioritario 91E0). Actuará en oito espazos naturais da Rede Natura, dous dos cales están na nosa bisbarra, catro en Lugo, un en Asturias e outro en Portugal. O financiamento procede principalmente da Unión Europea e conta con oito socios de ámbolos dous países.

Aínda que Fragas do Mandeo non forma parte deste proxecto, dado o impacto que pode ter na preservación da biodiversidade local, poñeremos á súa disposición a nosa experiencia en todo o relativo á custodia do territorio como instrumento de conservación.

Lugar: Aula da natureza de Chelo (Coirós).
Data: Xoves 22 de marzo de 2018.
Hora: De 11:00 a 14:00.
Programa: Para máis información, descarga o tríptico da xornada.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).