Voluntariado no Catorce o día 21

14 Outubro 2018

 
Nos últimos meses un par de voluntarios estiveron librando de eucaliptos as dúas hectáreas de bosque da reserva de anfibios do Catorce. Por fin, onte acabaron de cortalos.

Pero con iso non se rematou o traballo. Agora hai que amorear por un lado a ramallada e por outro a leña útil, así como seca-los cepos nos que están aparecendo rebrotes. En definitiva, un traballo que pode facer calquera seguindo o ritmo que lle permita o seu estado físico. O prognóstico meteorolóxico é de bo tempo.

Como sempre, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non fai falla que te preocupes das ferramentas, pero é conveniente levar unhas luvas de coiro e vestir roupa axeitada para andar polo monte. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres participar na des-eucaliptización da reserva de anfibios do Catorce, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 21 de outubro de 2018.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: As trece persoas que participaron nesta xornada de voluntariado remataron co traballo de amorear toda a ramallada e eliminaron boa parte dos pequenos rebrotes que apareceron nos dous últimos meses. Agora soamente queda seguir vixiando a reaparición de rebrotes até verificar que os cepos están totalmente secos e así confirmar que non queda ningún en toda a reserva do Catorce.
Foto dos voluntarios


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).