Recuperando o ritmo

30 Maio 2020

 
Grazas á relaxación do confinamento, esta semana percorremos camiñando 34 km de ribeira dos ríos Mandeo e Mendo na busca de lixo e de especies exóticas invasoras. Preocupábanos o avance destas, tras un período tan longo sen poder controlalas.

Como era de esperar, atopamos pouco lixo. Por unha banda, non houbo enchentes que arrastraran refugallos dende a limpeza que fixemos no primeiro trimestre. Por outra, a ausencia de visitantes evitou o lixo que lamentablemente adoita acompañalos. Aínda así recollemos 7 kg no Mandeo entre O Tope e a ponte de Teixeiro. No Mendo retiramos 6,5 kg entre a ponte das Moas e o de Taibo. Estas cifras contrastan co total de 372 kg recollidos durante o primeiro trimestre ó longo dos mesmos tramos de río.

En canto a invasoras, os resultados no Mendo foron esperanzadores. A biomasa retirada pesou soamente 3 kg, resultante de desenterrar 557 tubérculos de crocosmia. Tamén arrincamos tres acacias negras que medraban no leito do río, dúas robinias e un ligustro asiático. Por último, dedicamos un par de horas a arrincar rebrotes de chopo híbrido que nacían dos restos da corta que fixemos en febreiro.

No Mandeo atopamos máis especies e en máis cantidade. Arrincamos 1.016 tubérculos de crocosmia, 4,5 kg de tradescantia, 3,5 kg de tubérculos de calas, unha hortensia, un ligustro asiático, unha acacia negra e dúas robinias. En total 12 kg, sen conta-lo peso das tres últimas especies.

A gran cantidade de crocosmias que arrincamos no Mandeo ten unha dobre explicación. A meirande parte delas estaba localizada na área recreativa de Chelo. No 2014 empezamos alí a súa eliminación, pois eran tan abundantes que de feito nos tres primeiros anos arrincamos 172.490 tubérculos. Por outra banda, tivemos a sorte de que esta primavera non rozaran a zona por mor do confinamento. Esta é a mellor época do ano para erradicalas, pero en primaveras anteriores era difícil localizalas por ter sido cortadas as súas partes aéreas.

En conxunto, a difícil loita contra as invasoras nos dous ríos está amosando resultados moi positivos, pois a súa presenza nos tramos que percorremos é cada ano máis escasa. Pero aínda nos queda moito traballo noutras zonas, especialmente coa tradescantia no rego das Bouzas e na praia da Abeleira. Na reserva do Catorce temos que revisa-la xunca olorosa e nas praias da Alameda e Grande de Miño diversas especies.

De momento non temos programadas xornadas de voluntariado. Imos esperar a ver como evoluciona a crise sanitaria, pois non queremos que os nosos voluntarios corran ningún risco.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).