Eliminando a xunca olorosa na reserva do Catorce

4 Xullo 2023

 
Na xornada de voluntariado do pasado día 21 de maio logramos arrincar na Reserva de Anfibios do Catorce tódolos exemplares que atopamos de xunca olorosa, cun peso final de 165,4 kg. Comparando este resultado co do ano anterior, comprobamos que os traballos precedentes levaron a que a súa poboación diminuíra a menos da terceira parte. Isto indica que estamos empregando unha táctica eficaz para eliminar esta planta exótica invasora.

Na inspección que fixemos o pasado luns observamos en flor algúns exemplares novos. Hai que arrincalos canto antes mellor, pois queremos aproveita-lo declive da súa poboación para rematar de erradicala. Se non o facemos a tempo, van espallarse as sementes e, consecuentemente, a súa poboación tenderá a recuperarse.

Por este motivo, para o próximo domingo día 9 temos programada unha segunda xornada de voluntariado ambiental neste enclave para arrincar tódolos exemplares que localicemos. Será unha tarefa doada nun lugar de fácil acceso, apta para calquera.

Coma en ocasións anteriores, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos. Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos e unhas luvas (mellor as de pintor ou de xardineiro que as de coiro). Lembra vestir roupa axeitada e calzado robusto. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudarnos a eliminar esta especie exótica invasora, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 9 de xuño de 2023.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: As oito persoas que participamos nesta xornada de voluntariado cumprimos co obxectivo de repasar minuciosamente toda a extensión do foco de xunca olorosa, arrincando canto exemplar localizamos. Unha vez pesada a súa biomasa, resultou nun total de 83,1 kg, cifra á que hai que sumar medio quilo de eixerón e outro medio de áster americano, que tamén eliminamos.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).