Rematada a campaña «Basuraleza»

20 Agosto 2023

 
Coa botadura inaugural da nosa lancha, xusto hoxe hai un ano, arrincou a campaña «Basuraleza: 12 meses, 12 toneladas». Tiña como misión limpar semanalmente a marisma da ría de Betanzos, superando neste período unha cifra mínima de lixo a retirar. Por este motivo hoxe hai que dala por concluída.

Foto do voluntariadoSe o 13 de xullo xa informabamos de que excederámo-lo peso posto como obxectivo, ¿canto é o resultado final? Tras un esforzo extraordinario nas últimas semanas, o balance destes últimos doce meses é que temos retirado máis de 15 toneladas, apañadas en 42 saídas. Exactamente 15.053,95 kg.

Se esta cifra é xa de por si notable, hai que lembrar que as nosas limpezas da ría non se teñen limitado a esta campaña. No ano 2014 organizámo-la primeira eco-regata para limpa-la ría, coa colaboración de varias entidades. Tras sete edicións, nas que logramos recoller 18.144,65 kg, e un par de xornadas de voluntariado na xunqueira de Souto, onde apañamos 1.086,50 kg, o total do que levamos retirado suma máis de 34 toneladas de lixo (34.285,10 kg).

Hai que salienta-la magnitude do esforzo. A marisma ten unha extensión aproximada de 315 hectáreas. O lixo está esparexido polo esteiro, polas xunqueiras e polos carrizais. Isto implica a necesidade de explorar unha superficie moi grande en busca de refugallos, que moitas veces están ocultos entre a vexetación. A isto se engade a dificultade para camiñar no esteiro ou entre a vexetación, baixo toda clase de inclemencias meteorolóxicas, e dependendo das mareas para acceder a moitas zonas.

Na marisma aínda queda unha gran cantidade de lixo. Por ese motivo, continuaremos programando xornadas de limpeza, entre elas a oitava edición da eco-regata no próximo mes de setembro.

Máis detalles na páxina dedicada ás limpezas da ría.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).