Sétima edición do campo de traballo

18 Agosto 2023

 
Hoxe estivemos no pavillón de deportes de Coirós (A Coruña) dándolle a benvida ós integrantes da sétima edición do Campo de Traballo Monte da Espenuca. De novo volve a ter carácter internacional, pois entre os participantes hai persoas procedentes de Francia, México e Xapón. A súa labor en favor do noso patrimonio natural vai desenvolverse até o día 28 de agosto.

Fotografía do voluntariadoNa charla de presentación explicamos os problemas ambientais da bisbarra e a nosa forma de abordalos. Un capítulo no que nos demoramos foi o referido ós nosos esforzos na erradicación de especies exóticas invasoras, pois o principal obxectivo do campo será elimina-la tradescantia (Tradescantia fluminensis). Deste xeito van darlle continuidade ás cinco edicións anteriores, centradas en acabar con esta planta exótica no rego das Bouzas, o pequeno afluente do Mandeo que desemboca a carón da pontella de Chelo. Finalizada a charla, achegámonos á Reserva de Anfibios do Catorce e ó monte da Espenuca, onde puideron coñecer directamente parte do noso traballo para preserva-la biodiversidade local.

Nesta edición participan catorce persoas (catro de procedencia galega, sete doutras comunidades autónomas e tres estranxeiras), con idades comprendidas entre os 18 e os 29 anos. Será un punto de encontro de mozas e mozos de moi distinta orixe, onde convivirán e se implicarán na sociedade local, nun entorno no que van fomentarse os valores de convivencia, de tolerancia e de traballo en equipo. Ademais das actuacións de restauración ambiental, o programa contempla actividades complementarias que permitirán ós voluntarios coñece-la nosa bisbarra, visitando espazos naturais e vilas monumentais próximas.

Promovido por Fragas do Mandeo e solicitado polo Concello de Coirós, este campo está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión corre a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, que acompañará en todo momento ó voluntariado cun director e dous monitores de apoio.
Fotografía do voluntariado

Post data: O domingo día 27 despedímonos dos voluntarios do campo de traballo, agradecéndolles que viñeran de tan lonxe a botar unha man na conservación do noso patrimonio natural e animándolles a que participen, sempre que poidan, en xornadas de voluntariado ambiental nos seus lugares de orixe. Lograron retirar 834 kg de biomasa de tradescantia, 54 tubérculos de crocosmia e 20,85 kg de lixo. Sumando estas cifras ós resultados de actuacións anteriores, resulta que dende o ano 2017 no rego das Bouzas sacáronse 5.140,63 kg de tradescantia, 2.543 tubérculos de crocosmia e 720,15 kg de lixo.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).