Reformas no observatorio da lagoa de Sobrado

18 Outubro 2023

 
Hai uns meses o observatorio da lagoa de Sobrado presentaba un aspecto preocupante. A porta estaba rota, froito dun acto de vandalismo recente, e as paredes cheas de pintadas, consecuencia dun incivismo continuado. Pero o máis preocupante era unha deterioración causada polo paso do tempo que afectaba á súa integridade estrutural.

Tres dos piares estaban podrecendo, chegando a afundirse 27 centímetros. Isto provocou unha grave inclinación do observatorio e a deformación de toda a construción, motivo polo que a porta e as tres fiestras non pecharan; incluso empenáronse os paneis informativos situados no seu interior. Pero o máis grave era o risco de colapso, pois as vigas estaban a punto de desencaixarse.

A diferenza de amaños anteriores, realizados polo voluntariado, nesta ocasión a complexidade das reparacións levounos a contratar a uns profesionais. En agosto, tras levantalo en peso, estabilizaron o observatorio cunhas novas zapatas de formigón, aparafusaron reforzos nas xuntas das vigas, arranxaron a porta e as fiestras, puxeron unha base de pedra á escaleira de entrada e recolocaron os paneis informativos interiores.

Pero quedaba pendente o traballo de cepilla-las paredes para borra-las pintadas e facer unha boa limpeza, incluíndo o desmontado do panel informativo do exterior para poder lavalo. Tamén había que podar aquelas pólas dos salgueiros que impedían a observación das aves, antes de que a subida invernal do nivel da auga o impedira. O pasado mércores e máis hoxe un par de voluntarios achegáronse a Sobrado para rematar estes traballos.

Aínda así queda pendente unha última obra: Varias pedras do pequeno muro da parcela caeron. Pero reparar isto queda para o próximo ano.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os gastos das obras no observatorio.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).