Xornada de limpeza na praia da Alameda

9 Novembro 2023

 
Os últimos temporais teñen afectado intensamente á praia da Alameda. Modificaron o seu perfil, meteron area na zona arborada, tiraron os salgueiros e ameneiros máis próximos ó mar, deixaron no areal grandes moreas de bivalvos mortos e trouxeron moito lixo, que quedou ciscado por toda a praia.

Foto do voluntariadoPouco podemos facer, excepto recolle-lo lixo. E hai que facelo antes de que próximos temporais o enterren baixo novas capas de area. Para este domingo día 12, os meteorólogos anuncian unha breve melloría do tempo, antes de volver a empeorar. Por ese motivo, convocamos unha xornada de voluntariado ambiental para retiralo. O traballo será sinxelo, apto para calquera, nun entorno agradable.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas, coa idea de rematar ás 14:00. No caso de que decidas ir directamente, lembra avisarnos para non te esperar inutilmente. Non te preocupes polas ferramentas, pero leva unhas luvas se as tes. Aínda que non anuncian mal tempo, leva un impermeable por se cae algún chuvasco ocasional. O mellor calzado serán as botas de auga, pois a zona arborada está encharcada; as botas de montaña servirán no resto da praia. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres botar unha man no mantemento deste areal da Rede Natura que apadriñamos dende o ano 2011, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 12 de novembro de 2023.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Os meteorólogos acertaron e tivemos unha xornada de calma, sen choiva, entre días de mal tempo. Os dez participantes comezaron percorrendo o intermareal, para aproveita-la marea baixa, deixando para o final a zona húmida. En total apañaron 445 kg de lixo, destacando como refugallos máis voluminosos unha enorme boia xa rota, unha pesada maraña de cordas de bateas e unha roda. Futuros temporais traerán de novo máis lixo, pero o que ten sido retirado xa non volverá ó mar.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).