Valorando un ano moi activo

1 Xaneiro 2024

 
Cando remata o ano paga a pena botar un ollo ó que se ten feito. Estar vendo acotío o enorme volume das actuacións necesarias para recupera-lo patrimonio natural da nosa bisbarra, resulta desmoralizador. Por iso, contabilizar o que temos logrado durante o ano pasado é a mellor maneira de coller forzas para encarar este ano que comeza.

Os datos son incuestionables. No ano 2023 retiramos dos nosos espazos naturais máis de 13 toneladas de lixo (13.139,15 kg). En canto a especies exóticas invasoras, a biomasa eliminada foi de máis de 3 toneladas (3.354,70 kg). Nos montes custodiados plantamos 518 árbores de 14 especies distintas procedentes do noso viveiro. Nel estamos a reproducir 18 especies de árbores e unha de arbusto, todas elas autóctonas da nosa bisbarra, usando sementes de ecotipo local recollidas na propia zona. Avanzamos na deseucaliptización do monte da Espenuca, cun intenso traballo na parcela Penizás. Avanzamos na eliminación do arborado exótico invasor na praia da Alameda. No observatorio ornitolóxico da lagoa de Sobrado realizamos importantes reformas para asegura-la súa integridade estrutural… Para obter todos estes resultados, realizamos un traballo equivalente a 446 xornadas de 8 horas.

No que respecta ó territorio custodiado, aumentámo-la superficie en propiedade en 4.530 m2. Non é doado mercar montes cando dispoñemos de recursos económicos escasos. Afortunadamente, este ano xa serán aplicables as melloras dos beneficios fiscais por doazóns a entidades como a nosa, aprobadas hai uns días.

Resumindo: O ano pasado puxemos o listón moi alto. Aínda así, tentaremos superalo. Pero precisamos máis apoio privado, pois non podemos esperalo da Administración, nada proclive a colaborar coas entidades dedicadas á conservación da natureza.

Por ese motivo, se aínda non tes apostado por nós, por favor, medita a posibilidade de apoiarnos como voluntario, como doador, ou incluso das dúas maneiras. Podes atopar máis información nas seccións Colabora e Participa.

Deste xeito, compartirás connosco a satisfacción de facer algo eficaz polo patrimonio natural da nosa bisbarra.

¡Feliz aninovo!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).