Toda unha vida

16 Febreiro 2024

 
Fotografía de DonaHoxe despedímonos de Dona, a nosa querida mascota.

Naceu a carón do río Mandeo a véspera da constitución de Fragas do Mandeo, motivo polo que cada aniversario seu lembrábanos o da nosa entidade. Dende pequena correu alegre diante de nós cando íamos localizar montes para mercalos, observounos pacientemente mentres deseucaliptizábamos parcelas e animou coa súa presenza ós participantes nas xornadas de voluntariado. Incluso fixo de embaixadora da natureza, sendo a protagonista do álbum infantil que publicamos como parte dun exitoso proxecto de educación ambiental. Ós nove anos unha lesión obrigouna a xubilarse, pero non deixou de dar curtos paseos polo monte. Grazas ó seu olfacto, informábase da actividade nocturna dos animais silvestres, sendo testemuña do retorno dos seus parentes montaraces, tras localizar pegadas da súa presenza. Sendo característicos da súa especie e da nosa a intensidade dos lazos familiares e a capacidade de establecer vínculos interespecíficos, era unha ponte entre nós e a fauna dos bosques, entre o noso mundo visual e o universo olfactivo no que se desenvolvía, comunicándose connosco cunha linguaxe non verbal que nos conectaba aínda máis coas nosas raíces evolutivas. Rematado o seu periplo a menos de cinco meses do que sería o seu décimo cuarto aniversario, estimamos que tivo unha vida longa e feliz, regalándonos unha leal amizade.

Fotografía de DonaA vida dun can é curta en termos humanos, do mesmo xeito que a nosa o é respecto das árbores que estamos a plantar estes días. Algunhas delas sairán da adolescencia dentro dun século, cando xa non estaremos para velas no seu esplendor. Namentres outras entidades de custodia do territorio xa son centenarias, a nosa está saíndo da infancia. Sen máis compás que nos guíe que a nosa propia experiencia, vémonos agora no reto de medrar vigorosamente, pois o agravamento acelerado da crise ambiental e climática non admite dilacións. No actual contexto social de indiferenza respecto da conservación da natureza, evitar a melancolía, conservar o ánimo e manter o ritmo de traballo non é doado. Máis aínda diante da habitual insensibilidade dos organismos públicos que deberían velar por ela, manifestada na degradación do noso patrimonio natural que frecuentemente causan, sexa por acción ou por omisión, ou simplemente poñéndonos acotío atrancos cando intentamos reverter a situación. A nosa demostrada eficacia, baseada no coñecemento, nas actuacións directas no medio e na eficiencia no uso dos poucos recursos que temos, merecería un respecto e un apoio por parte da Administración que raramente observamos.

Fotografía do álbumAs conclusións das numerosas investigacións realizadas por prestixiosos científicos ó longo das últimas décadas en todo o planeta non deixa espazo para a dúbida. Os seus prognósticos de agravamento da crise ambiental e climática están a cumprirse sistematicamente. Xa que logo, non hai escusas para evitar mirar de fronte á realidade e actuar en consecuencia.

Soamente podemos mante-la esperanza se hai un decidido apoio da cidadanía ás entidades que nos preocupamos pola natureza. Como socios, voluntarios e doadores; ou incluso simplemente difundindo a relevancia do noso traballo, para así convencer a máis persoas da necesidade de tomarse en serio a situación. Se podes facer aínda algo máis para potenciar a nosa capacidade de actuación, non o adíes: o futuro non espera.

Namentres, nós seguimos plantando árbores para mante-la esperanza.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).