Vídeo: reforestando biodiversidade

1 Marzo 2024

 
Co obxecto de reforza-la súa biodiversidade arbórea, nas últimas semanas estivemos plantando árbores en varias parcelas que xa tiñamos deseucaliptizado. A planta que usamos procede do noso viveiro, onde estamos a reproducir 18 especies de árbores e unha de arbusto, todas de ecotipo local. Aproveitámo-la ocasión para facer un breve vídeo, titulado Restaurando as nosas fragas, animando a usar múltiples especies autóctonas no momento de reforestar.

Portada do vídeoCando falamos de especies autóctonas referímonos ó ámbito comarcal. Na nosa bisbarra non son autóctonas especies como a faia e o teixo, malia que sexan árbores autóctonas galegas. Noutras palabras, non tódalas comarcas galegas teñen como autóctonas as mesmas árbores. Na sección As árbores autóctonas pode consultarse a lista das que corresponden á nosa bisbarra.

A importancia de ter variedade de especies é que deste xeito facilitámo-la creación dunha ampla base trófica para numerosas especies animais, incluídas aves e mamíferos. Pero tamén para moitas especies de invertebrados, dos que se alimentarán os insectos e os vertebrados que depredan neles, creando así cadeas tróficas con máis elos; en definitiva, máis longas e complexas. Estas cadeas estarán activas na práctica totalidade do ano, pois concaténanse os períodos de floración e de frutificación das distintas especies.

Por outra banda, cando estas árbores medren, as parcelas plantadas servirán de núcleos para a dispersión de sementes das distintas especies. Tras séculos de intervención humana, as nosas fragas teñen visto minguadas moitas das súas poboacións, unhas por sobrexplotación e outras, non sendo de interese, por ser eliminadas para deixar espazo ás máis útiles.

Incrementa-la diversidade arbórea tamén significa favorece-la resiliencia do bosque: se unha praga ou unha seca afecta gravemente a unha especie determinada, as que non sufran ese andazo poden atenua-la súa perda. A presenza de suficientes exemplares das nosas tres especies de folla perenne compensa que a maioría sexan caducifolias, permitindo que as aves atopen nelas refuxio durante os rigores invernais. Tampouco podemos esquecer que co tempo unhas especies medrarán máis que outras, creando unha maior diversidade estrutural no bosque, da que tamén saca partido a fauna local.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).