Balance positivo da II Semana de Custodia

10 Outubro 2013

 
Hoxe, coa clausura da exposición titulada Unha ollada natural de Calros Silvar, demos por rematada a II Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Tras este tempo de intensa actividade organizativa, ¿acadáronse os obxectivos? ¿Cal é o balance?

O fin inmediato desta segunda edición da Semana era dar a coñecer un conxunto diverso de iniciativas de custodia e apadriñamento que se están a realizar en distintos puntos do territorio galego. Durante a xornada de charlas puidemos ver actuacións que están conservando montes, praias, ríos, camiños ou patrimonio etnográfico, ademais de revitalizar comunidades rurais. A satisfacción dos asistentes, así como as felicitacións dos relatores pola organización, nos fai entender que se cumpriu este reto.

Cartel da exposiciónO segundo obxectivo da Semana era fomenta-lo voluntariado ambiental na nosa bisbarra amosando esas experiencias de éxito. As tres xornadas de voluntariado programadas permitiron que ese estímulo frutificase: 76 persoas axudaron a erradicar especies exóticas invasoras, recoller lixo en espazos naturais ou preparar montes para a reforestación con árbores autóctonas. Cremos que a experiencia positiva vivida animará a estes e outros voluntarios a participar en futuras convocatorias.

Como terceiro obxectivo figuraba avanzar na divulgación dos tesouros naturais da nosa bisbarra. A amena conferencia de Antonio Sandoval evidenciounos a paixón polas aves e nos revelou algúns aspectos impresionantes das súas migracións, fenómeno que podemos observar en primeira liña mesmo na nosa ría. Pola súa banda, Calros Silvar expuxo unha escolma da súa obra como ilustrador da fauna e flora galegas, traballo que foi publicado nunhas guías de campo que abriron ó coñecemento da vida silvestre a numerosos afeccionados.

Como remate, a excursión a Sobrado dos Monxes foi un compendio de actividades. Os participantes observaron aves, percorreron vellas carballeiras por antigos camiños, coñeceron os traballos de mantemento do observatorio e fincas de Fragas do Mandeo, fixeron voluntariado ambiental recollendo lixo e apreciaron a beleza dos nosos monumentos.

Xa que logo, dende Fragas do Mandeo valoramos moi positivamente os resultados desta edición da Semana de Custodia e agradecemos a relatores, asistentes e voluntarios a súa participación, así como ás entidades colaboradoras.

Podes ver fotos de tódalas actividades na galería fotográfica da II Semana de Custodia da nosa web. No caso de animarte a participar en futuras xornadas de voluntariado, ponte en contacto connosco. Na sección Contacto atopara-los datos que precises.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).