Doazóns responsables

O control da xestión das ONG

O terceiro sector, constituído polas entidades non gobernamentais (ONG) e non lucrativas (ONL), medrou moito en España nos últimos anos. Este rápido crecemento supuxo tamén unha maior preocupación polo control do gasto e da eficacia na xestión das entidades.

Cando un vai realizar unha doazón, o primeiro que debe facer é informarse das posibles entidades receptoras e verificar que están ben xestionadas. Hai que te-la garantía de que os cartos doados se utilicen realmente para o fin que declara esa entidade, e que soamente unha pequena parte é destinada a gastos xerais (administración, publicidade, etc.).

¿Como saber qué entidades están ben xestionadas?

A Fundación Lealtad é unha entidade sen ánimo de lucro fundada no ano 2001 que se dedica exclusivamente a informar sobre a xestión das ONG e a fomenta-la doazón responsable.

As entidades que o desexan poden solicitarlle que as analice, sen que lles supoña custe algún. O informe resultante é publicado para que a cidadanía poida coñecer como se xestiona a entidade e tomar decisións informadas antes de facer doazóns.

Nos informes hai varios apartados, os cales se cualifican independentemente. A entidade, pola súa banda, pode rectifica-lo seu funcionamento para mellorar en anos sucesivos os capítulos incumpridos, ou explica-los motivos polos que non o modifican.

Podes ver eses informes no apartado Búsqueda de informes na web da Fundación Lealtad.

¿Fragas do Mandeo está analizada pola Fundación Lealtad?

Un dos requisitos para que a Fundación Lealtad informe sobre unha entidade é o de que teña alomenos dous exercicios completos de funcionamento. Fragas do Mandeo naceu en xullo de 2010, polo que cumpre esta condición para poder ser analizada.

O segundo requisito é que as contas da entidade teñen que estar auditadas por un auditor externo censor xurado de contas. Actualmente, Fragas do Mandeo non pode pagar un. Se es un auditor censor xurado e queres colaborar, ou coñeces algún que o poida facer, por favor, ponte en contacto connosco. Na sección Contacto atopara-los datos necesarios.

Mentres, Fragas do Mandeo está en proceso de aplica-las recomendacións da Fundación Lealtad en materia de transparencia e xestión publicadas no apartado Principios de Transparencia y Buenas Prácticas de las ONG da súa web.

Data publicación: 6-10-2010
Última modificación: 24-6-2020
>> Páxina seguinte: Informes e documentos

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).