Campañas

O novo reto é supera-los 100.000 m2

No ano 2013 Fragas do Mandeo deulle un forte pulo á adquisición de parcelas de monte co obxectivo de conserva-los seus valores naturais a perpetuidade. De feito, no primeiro semestre do ano logrou mercar máis de 50.000 m2.

Actualmente custodiamos 81.511 m2 de monte repartidos en catro zonas, dos que 61.358 m2 o son en propiedade, 14.760 m2 arrendados e 5.393 m2 cedidos polos seus titulares.

Espenuca

O monte da Espenuca está no concello de Coirós (A Coruña). Ó seu pé descorre o río Mandeo por un profundo val no que se atopa o afamado lugar de Chelo. O cumio é un miradoiro natural que observa toda a bisbarra, pero actualmente as vistas están cegadas polos eucaliptos que medran diante del. Na croa do monte aséntase a igrexa de Santa Olalla (século XII) e na súa aba se sitúan os Pedregás, o Bocelo, o Picouto Pequeno…

Conta para doazóns:
ENTIDADE: Abanca
CCC:          2080-0096-11-3040006618
IBAN:         ES50 2080 0096 1130 4000 6618

Fragas do Mandeo posúe parcelas por todos estes lugares, dende a beira do río até o cumio do monte. Suman actualmente 37.564 m2, todas en propiedade, o que nos permite eliminar nelas os eucaliptos e resto de vexetación foránea. Desta maneira recuperarémo-las vistas do miradoiro, a paisaxe do monte e as fragas autóctonas nas que viven o máis de medio cento de especies de flora e fauna ameazada da nosa bisbarra.

Ois

Na parroquia de Santiago de Ois, onde o concello de Coirós linda co de Aranga, Fragas do Mandeo iniciou outro foco de custodia cando un veciño cedeunos por 20 anos un monte que está na beira do río Mandeo. As parcelas coas que contamos actualmente suman 24.771 m2, dos que 19.378 m2 o son en propiedade. Como todas lindan co río, forman parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo.

Mendo

Na ribeira do río Mendo, dentro do concello de Oza-Cesuras, Fragas do Mandeo ten arrendada ó Banco de Terras de Galicia unha parcela de 14.760 m2, cun contrato prorrogable até 30 anos. Aínda que non forma parte dun espazo natural protexido, a finca posúe un grande valor ambiental, pois presenta un bosque de ribeira ben desenvolvido ―cualificado como hábitat prioritario― que medra nun solo hidromorfo enchoupado gran parte do ano.

Sobrado dos Monxes

Fragas do Mandeo é propietaria de dúas parcelas na ribeira da lagoa de Sobrado. Presentan vexetación autóctona e suman 4.416 m2 de superficie. Nunha delas está instalado o observatorio ornitolóxico. Estas parcelas foron cedidas no ano 2010 como dotación fundacional por parte da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). As mantemos en bo estado de conservación e non temos previsto amplia-la superficie proximamente.

¿Paréceche pouco?

Sempre parece insuficiente o que se leva avanzado cando se pensa nas necesidades de conservación dos espazos naturais e das especies que os habitan.

Por iso animámosche a colaborar para que estas cifras sigan medrando a bo ritmo e podamos cruzar canto antes esa meta dos 100.000 m2 de superficie. Calquera achega, independentemente do seu importe, permitirá seguir avanzando na conservación dos nosos bosques. Fragas do Mandeo garánteche que o 100% da túa doazón se destinará a mercar unha nova parcela e informarémosche da superficie mercada coa túa axuda.

Na sección Colabora tes tódolos datos necesarios para face-la túa achega. Se precisas máis información, na sección Contacto atoparás o noso teléfono e correo electrónico.

¡Bótanos unha man! Soamente coa axuda de todos poderemos logralo.

Data publicación: 6-10-2010
Última modificación: 30-8-2014
>> Páxina seguinte: Des-eucaliptización