Colabora

¿Que podes facer?

Se desexas axudarnos a conserva-lo patrimonio natural da nosa bisbarra, podes colaborar economicamente cunha doazón de calquera importe, de maneira puntual ou periódica, e cando queiras. Tamén podes doarnos parcelas ou incluso deixárnolas como legado no teu testamento.

Conta para doazóns:
ENTIDADE: Abanca
IBAN:          ES50 2080 0096 1130 4000 6618
BIC:             CAGLESMMXXX
Lembra que as doazóns que nos fagas deducen nos teus impostos, de maneira que poderás recuperar até o 80 % do seu importe, sendo no caso das empresas o 35 %. Estas deducións aplícanse de xeito similar no caso de parcelas. Ponte en contacto connosco e darémosche máis detalles. Tamén podes consultar a Ley 49/2002 de régimen fiscal de las entidades sin fines lucrativos y de los incentivos fiscales al mecenazgo ou preguntarlle ó teu asesor fiscal.

Facer unha doazón puntual

Basta con que nos fagas un ingreso na nosa conta indicando que se trata dunha doazón. Non esquezas poñerte en contacto connosco, enviándonos os teus datos persoais para poder beneficiarte das deducións.

Domiciliar a túa achega

Se queres colaborar de xeito periódico, o máis cómodo é domicilia-la túa achega. Descarga o impreso de subscrición, escolle a cantidade que máis che conveña, asínao e remítenolo por correo postal. A túa entidade bancaria pasarache un cargo anual, coa seguridade de que, cando non poidas continuar coa túa colaboración, podes finalizala en calquera momento sen teres que dar ningunha explicación.

Converterte en benfeitor

As asociacións culturais ou de veciños, os clubs deportivos e as organizacións sen ánimo de lucro en xeral, poden figurar como colaboradores doando a cifra que poidan achegar. No caso de que supere o equivalente a 1 euro por socio e mes, será considerada entidade benfeitora de Fragas do Mandeo. O logotipo da entidade figurará en lugar destacado na nosa web cun enlace á web da entidade que fai a doazón.

Tamén as entidade con ánimo de lucro poden beneficiarse de ser benfeitoras e gozar de publicidade gratuíta, visualizándose o seu logotipo ou anagrama nun lugar destacado na nosa web, cun enlace á web da entidade. No caso de non ter páxina web, incluso podemos facerlle unha gratuitamente para ter presenza en Internet.

Descarga o impreso de doazón, escolle a cantidade correspondente, asínao e remítenolo por correo postal.
Imaxe do certificado de doazón de agasallo

Regalar unha doazón

Frecuentemente é difícil atopar un obsequio axeitado para un amante da natureza. Unha maneira de regalar sen caer no consumismo é facendo unha doazón no nome do agasallado. Enviarémosche un fermoso certificado para que llo entregues na data do festexo.

Doar unha finca

Moitos montes e fincas na beira dos ríos quedan abandonados porque nestes tempos xa non compensa explotalos. En gran parte deles nin sequera se pode mete-la maquinaria necesaria para traballar, pola excesiva pendente ou falta de accesos. Outras veces son herdanzas a dividir entre tantos herdeiros que non paga a pena. Antes de que se perdan, podes darlles un novo uso cedéndoas para a conservación da natureza e dos bosques autóctonos, beneficiándote de cuantiosas deducións na declaración da renda, no caso de particulares, e no imposto de sociedades, no caso de entidades.

Testar a favor da conservación

Se non tes herdeiros que precisen das túas propiedades e queres destinalas a un fin social como é o da conservación da natureza, lembra que podes ceder en vida esas fincas que xa non podes atender, ou legalas no teu testamento para cando xa non esteas entre nós. As xeracións vindeiras sempre te lembrarán pola túa xenerosidade.

Poñerte en contacto

Estamos á túa disposición permanentemente por teléfono, correo electrónico ou correo postal. Consulta a sección Contacto para ve-los datos que precises.

Data publicación: 6-7-2010
Última modificación: 3-1-2021
>> Páxina seguinte: Rastrillo

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).