Segunda quenda de voluntariado

29 Xuño 2015

 
Onte fixo un bo día para traballar. Despois de orballar no amencer, quedou unha mañá nubrada e con temperaturas moderadas. Xuntámonos 17 voluntarios, repetindo moitos dos da primeira quenda nesta segunda xornada de voluntariado ambiental.

Aínda que a pendente dificultou o traballo, limpamos a ramallada en toda a zona que tiñamos previsto. Rematámo-la mañá cansados, pero tamén coa satisfacción de saber que de agora en diante poderemos gozar alí da paisaxe que antes ocultaba o eucaliptal, mentres vai medrando unha variada fraga composta de carballos, castiñeiros, bidueiros, loureiros, sanguiños e pereiriñas bravas, entre outras árbores autóctonas.

Como na ocasión anterior, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos financiou os seguros de accidentes e a empresa Gadisa forneceu un avituallamento que se agredeceu.

Aínda non temos programadas as próximas xornadas de voluntariado. Se queres que te avisemos cando teñámo-las datas, mándanos un correo electrónico (na sección Contacto atoparás o noso enderezo).

Foto dos voluntarios


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).