Xornadas de voluntariado os días 21 e 28

12 Xuño 2015

 
Fragas do Mandeo ten unha cita co voluntariado ambiental os domingos 21 e 28 de xuño. O obxectivo é reforestar con árbores autóctonas un monte que, cando o mercamos, tiña eucaliptos.

Foto do monte de Os VellosO ano pasado reforestamos a parte darriba desa parcela situada en Os Vellos (Coirós). Se antes estaba repleta de eucaliptos, agora medran nela carballos, castiñeiros, bidueiros, salgueiros e loureiros, que co tempo formarán unha auténtica fraga.

Este ano toca a parte de abaixo. Até hai unhas semanas, un muro de eucaliptos impedía a visión do canón do río Mandeo. Tras cortalos, agora xa podemos gozar da paisaxe.

As dúas xornadas de voluntariado estarán dedicadas a amorear toda a ramallada resultante da corta. Con isto prepararémo-la parcela para reforestala cando chegue o tempo axeitado e reducirémo-lo risco de que eses restos forestais transmitan lumes, servindo de paso como refuxios para invertebrados, píntegas, lagartos e outros pequenos animais.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas, para rematar ás 14:00. Non fan falla ferramentas, pero é aconsellable levar unhas luvas de coiro, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquecer algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

No caso de avisarnos con suficiente antelación, poderemos notificarte cambios de última hora e facerche un seguro de accidentes financiado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos. Por favor, envíanos un correo cos teus datos (nome, DNI, data nacemento e teléfono) antes do venres que precede a cada xornada. Na sección Contacto tés a información precisa.

¡Anímate a transformar ese eucaliptal nunha fraga!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).