Día das especies autóctonas: 13 de marzo

26 Febreiro 2016

 
O segundo domingo de marzo máis de 1.200 voluntarios de 30 entidades de custodia do territorio participarán na xornada de voluntariado ambiental Día das especies autóctonas, estando Fragas do Mandeo entre elas.

Logo de Tejiendo RedesA Obra Social “la Caixa” e a Xarxa de Custòdia del Territori organizan esta iniciativa dentro do programa Voluntariado y Custodia del Territorio, que forma parte do seu proxecto Tejiendo redes para la custodia del territorio en España 2015-1016. O obxectivo deste programa é implicar á sociedade civil na conservación do noso patrimonio natural, difundindo a importancia da súa preservación, os seus valores sociais e como a custodia do territorio axuda a conseguir eses fins.

A xornada consiste en realizar actuacións de voluntariado durante o mesmo día en distintos espazos baixo custodia para eliminar especies exóticas invasoras, pois son unha das principais causas de perda de biodiversidade en todo o planeta, ademais de plantar variedades locais e restaurar hábitats.

Así que nós imos aproveitar para achegarnos ó río Mendo para erradicar distintas especies alóctonas en parcelas que temos mercado na súa ribeira. Xa temos arrincado nelas Crocosmia x crocosmiiflora, Ligustrum ovalifolium e Buddleja davidii, polo que volveremos para acabar de erradicalas, eliminando tamén unha mancha de Tradescantia fluminensis e secaremos algúns exemplares de Eucaliptus globulus, Robinia pseudoacacia e Platanus x hispanica. Como sempre, recolleremos canto lixo atopemos. Todo este esforzo terá como resultado a restauración do bosque de ribeira, considerado hábitat prioritario e que alberga diversas especies ameazadas.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Como igual non chegan as ferramentas para todos, mira de levar unha macheta ou un serrucho. Tamén é aconsellable levar unhas luvas de coiro, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquecer algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

Se estás interesado en conservar activamente a nosa biodiversidade, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarte cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 13 de marzo de 2016.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).