Voluntariado na praia da Alameda

15 Xuño 2017

 
Para o próximo domingo, día 18, programamos unha xornada de voluntariado ambiental na praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño), o areal con máis biodiversidade de todo o espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, integrado na Rede Natura.

Foto dos voluntariosCando iniciámo-lo noso apadriñamento deste enclave no ano 2011, a praia estaba chea de lixo e invadida de plumachos (Cortaderia selloana). Dende entón temos recollido moreas de refugallos e eliminamos, ademais dos plumachos, varias plantas exóticas invasoras: a uña de gato (Carpobrotus edulis), a santalina de auga (Cotula coronopifolia), o xunco Cyperus eragrostis, o eixerón (Conyza canadensis), o Aster squamatus, a crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) e o mióporo (Myoporum laetum). As súas condicións ecolóxicas melloraron moito, pero non podemos dar por erradicadas todas estas especies.

O principal obxectivo este domingo será elimina-las plantas de eixerón e áster antes de que boten sementes. Tamén arrincaremos algúns plumachos e crocosmias que localizamos despois das sucesivas revisións e limpezas que fixemos durante a primeira metade deste ano.

Como habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Non fai falla que leves ferramentas, pero mira de proverte de protección solar e dalgunha peza con que cubri-la cabeza, pois será un día moi soleado. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres participar na conservación da biodiversidade desta praia, apúntate a esta xornada de voluntariado enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarte cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 18 de xuño de 2017.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Obxectivo cumprido. Malia a intensa calor, os 12 voluntarios que participaron na xornada recolleron sistematicamente todo o lixo dende o extremo norte da praia até o regato, cun volume total de aproximadamente 2 m3. En canto ás invasoras, soamente atoparon un plumacho pequeno nesa zona e arrincaron dous máis de maior tamaño nas proximidades da ponte. Nada de uña de gato, nin de santalina de auga nin de mióporo. Pola contra, arrincaron moitos ásteres e moitos eixeróns, pero como todos eran exemplares novos o volume non chegou a 1 m3. Haberá que continuar vixiando a reaparición destas especies e queda para outra ocasión elimina-los exemplares que quedaron ó sur do regato e nos aparcadoiros.

Foto dos voluntarios


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).