Xornada de voluntariado o domingo 23

16 Febreiro 2020

 
Hai uns días retiramos máis de media tonelada de lixo na contorna do observatorio ornitolóxico de Souto, na ribeira dereita da ría de Betanzos. Aínda así quedaron moitos refugallos, pois non collían máis no remolque. Por este motivo imos volver o próximo domingo, pois prognostican bo tempo.

Foto dos voluntariosIgual que na ocasión anterior, aproveitaremos que a marea estará baixa para dedicar un pouco de tempo a observa-las numerosas aves acuáticas que utilizan o espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo como lugar de invernada e de paso migratorio, antes de marchar a criar no norte europeo.

Tal como facemos habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, para compartir vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Como imos andar pola xunqueira, é necesario levar botas de auga e tamén luvas (mellor as de goma). Ó haber risco de meter accidentalmente un xunco no ollo ó agacharse para recolle-los refugallos, tamén é recomendable levar gafas (de sol, graduadas ou de seguridade). Non te preocupes polas ferramentas, pero non esquezas levar algo de comer e de beber para a pausa de media mañá.

Se queres colaborar na limpeza da ría, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, código postal e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 23 de febreiro de 2020.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.

Post data: ¡Volvemos retirar máis de media tonelada de lixo! En concreto, os quince voluntarios que participamos na xornada apañamos 505,5 kg de refugallos. Con esta limpeza o peso total da basuraleza que levamos retirado neste ano ascende a máis de dúas toneladas: exactamente 2.384,5 kg.

Foto dos voluntariosO máis voluminoso que atopamos foron dúas rodas e un tambor de lavadora. Pero os que deron máis traballo foron os plásticos agrícolas, especialmente as mallas para o cultivo de leguminosas, pois estaban enguedelladas coa vexetación e medio enterradas.

Antes de inicia-la limpeza, o ornitólogo do Grupo Naturalista Hábitat, D. Santiago Vázquez, falounos da variedade de fauna que alberga a ría de Betanzos. Aínda que a néboa dificultaba a observación, foi amosándonos diversas aves que puidemos contemplar coa axuda dos telescopios (tartaraña das xunqueiras, garzota común, ánsar bicocurto, lavanco real, cerceta real, mazarico curlí, bilurico pativerde, bilurico común, bilurico bailón, etc.). Un bo prólogo para animarnos a mellora-lo estado de conservación da marisma.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).