Educación ambiental na Espenuca

8 Xullo 2021

 
Aínda que a educación ambiental non figura como obxectivo na nosa práctica da custodia do territorio, as parcelas que xestionamos son un lugar perfecto para practicala. Precisamente hoxe recibimos a visita dun grupo de dezaseis cativos procedentes de Oleiros, de idades comprendidas entre os 6 e os 10 anos, acompañados de tres monitores de CEM Educación Ambiental.

Foto da visitaDurante esta visita os cativos puideron comprobar directamente as diferenzas entre os eucaliptais e o bosque autóctono. No panel informativo da parcela que restauramos no cumio do monte da Espenuca miraron as nove especies de árbores que alberga, para logo localizalas ó percorrela mentres recibían diversas explicacións sobre a fauna silvestre que se alimenta dos froitos da fraga.

Rematada a visita, preguntámoslles que fora o que máis lles gustara. Para a maioría foi o carreiro ―de paso algo dificultoso― que cruza a zona de bosque mellor conservada, no que viron unha enorme lesma e onde puideron comprobar o esponxosas que son as numerosas manchas de musgo que medran nas rochas; pero tamén lembraron o paso por debaixo dunha pena que bautizaron como a cova do oso e, sorprendentemente, os bugallos que fan as avespiñas chinesas (Dryocosmus kuriphilus) nos castiñeiros.

Tras tomar un pequeno refrixerio, os cativos continuaron a excursión cara a Chelo, onde recolleron o lixo que foron atopando no camiño, até finalizar a camiñada na ponte de Teixeiro.

A educación ambiental non debe utilizarse como unha escusa para endosar ás xeracións futuras a resolución dos problemas ambientais actuais. Agora ben, cómpre reservar tempo para ensinarlles ós cativos a gozar do contacto directo coa natureza e a respectar o noso patrimonio natural, de xeito que no futuro sexan a súa salvagarda.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).