II Week of Land Stewardship in As Mariñas of A Coruña and the River Mandeo Area

September and October 2013

Sorry, this page isn’t translated yet! Fragas do Mandeo volunteers are working in their free time to have it as soon as possible. We offer you the Galician version instead.

(Para descargar unha foto con maior resolución, pinche na foto seleccionada e se descargará a imaxe.)

 

Día 22 – Voluntariado na praia da Alameda

Nesta xornada de voluntariado recolleuse o lixo e retiráronse as especies exóticas invasoras na praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño). Máis de 300 pés de plumeiros (Cortaderia selloana) foron eliminados grazas á participación de 18 voluntarios. Como hai que arrincalos de raíz, se queremos que non abrollen de novo, o mellor era non esperar a que medraran, pois pode chega-lo caso de que as raíces sexan tan grandes que non se poida face-lo traballo á man. Antes de arrincalos, cortáronselles as flores con coidado para non disemina-las sementes, e gardáronse en bolsas de plástico para a súa posterior destrución.

Os voluntarios distribuíronse pola praia repartíndose os distintos traballos.

Antes de arrinca-los plumeiros, cortámoslles as flores con coidado de non esparexe-las súas sementes e depositámolas en bolsas de lixo.

As plantas, xa arrincadas e sacudida a area das súas raíces, foron amoreadas para o seu transporte a un punto de tratamento.


Para arrinca-los plumeiros empregáronse sachos e pas de transplantar, aínda que os pés máis novos podían arrincarse á man.

Para transporta-los restos, utilizáronse sacas para entullos.

Os voluntarios precisaron de toda a mañá para arrinca-los máis de trescentos pés de plumeiros que había na praia.

O tamaño dalgúns pés obrigou a traballar en parellas para arrincalos.

Incluso para transporta-las plantas máis grandes fixo falta máis dunha persoa.

 

Día 26 – Conferencia de Antonio Sandoval e inauguración da exposición de Calros Silvar

O ornitólogo e comunicador ambiental Antonio Sandoval impartiu unha amena conferencia sobre as nosas aves no Liceo de Betanzos. Na mesma velada, o artista Calros Silvar inaugurou a súa exposición Unha ollada natural, escolma do seu traballo de ilustrador da flora e fauna galegas.

Antonio Sandoval, nunha imaxe tomada durante a súa conferencia.

Rematada a conferencia, Calros Silvar e Antonio Sandoval responderon a diversas preguntas do público.

 

Día 28 – Custodia do territorio e apadriñamento: A implicación cidadá na conservación da natureza

Na xornada principal da Semana de Custodia, preto de 50 persoas atenderon as seis charlas nas que se ofreceu unha completa visión da diversidade de iniciativas que se encadran no eido da custodia e do apadriñamento por todo o territorio galego. Nas distintas intervencións puidemos ver como se conservan hábitats dunares, ríos, fragas, especies ameazadas, camiños antigos, patrimonio etnográfico ou se dinamizan zonas rurais.

Presentación da xornada; de dereita a esquerda, Ramón García (alcalde de Betanzos), José Antonio Santiso (Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos) e Fernando Bandín (Fragas do Mandeo).

Rafael Beceiro, coordinador do Proxecto Esmelle, da Asociación Val de Esmelle.

Gonzalo Sancho Blanco, presidente da Asociación Vaipolorío.

Diego R. Vieites, secretario da Asociación Fontaíña.

Encarna González, coordinadora de SEO/Pontevedra.

Antonio Álvarez, presidente da Asociación Castiñeiro e Nogueira.

Fernando Bandín, presidente do padroado de Fragas do Mandeo.

Fernando Bandín e Antonio Álvarez, acompañados por voluntarios da Asociación Castiñeiro e Nogueira, responderon a varias preguntas.


O compositor e intérprete Eloy Vázquez pechou a xornada cun breve concerto, deleitándonos con varias pezas medievais tocadas no seu dulcimer e na súa zanfona.

 

Día 29 – Limpeza do río Mendo

Na mañá desta xornada de voluntariado ambiental recollemos todo o lixo que había no río Mendo entre a ponte das Moas e a ponte da Ermida, grazas ó traballo de trece persoas que se dividiron para percorrer paralelamente as dúas beiras do río nos tramos transitables. Deste xeito sumámonos á limpeza simultánea de ríos en toda Galicia, na que participaron 47 grupos coordinados polo Proxecto Ríos.

Parecía que no treito entre a ponte das Moas e a ponte dos Cabalos non había moito lixo, pero aínda así enchemos bastantes bolsas.

Ó pé da ponte da Ermida atopamos moito lixo acumulado, resultado da utilización incívica das pontes como vertedoiros ilegais.

Foron varios os sacos de refugallos que atopamos coa aparencia de ter sido ciscados no monte hai tempo. O contido era do máis diverso, incluíndo elementos tan contaminantes coma as pilas.

 

Día 5 – Des-eucaliptización nas fragas do río Mandeo

Na terceira xornada de voluntariado da Semana de Custodia 23 persoas traballaron nun par de parcelas custodiadas por Fragas do Mandeo, secando os cepos de eucalipto e preparando as parcelas para reforestalas na próxima primavera. Para que non abrollen de novo os eucaliptos, os voluntarios arrincaron a casca dos cepos até a raíz. Foi necesario tamén xuntar e amorea-los restos da corta, para deixar limpas as fincas. Así estarán listas para que, cando chegue o tempo axeitado, poidamos planta-las árbores autóctonas coas que amplia-la fraga.

Os voluntarios amorearon a ramallada que quedou no monte trala corta dos eucaliptos.

O tamaño das moreas de ramallada amosan a densidade de eucaliptos antes da corta.


Para seca-los cepos dos eucaliptos e impedir que abrollen de novo, arrincouse a casca até a raíz usando machetas, co obxectivo de danar toda a capa situada entre a casca e a madeira (cámbium).

Algúns cepos de eucalipto deron bastante traballo polo seu gran tamaño.

A ramallada que quedaba no monte trala corta impediría os traballos de reforestación na primavera.

Mentres uns voluntarios amoreaban a ramallada, outros secaban os cepos. Tamén se puxeron titores ós pequenos carballos que xa están a medrar nos montes.

 

Día 6 – Excursión a Sobrado dos Monxes

A excursión a Sobrado compatibilizou o goce da paisaxe e do patrimonio monumental da bisbarra co compromiso ambiental. Aproveitamos a mañá para facer un percorrido que permitiu ós 22 participantes cruzar varias carballeiras e achegármonos o pé de dúas árbores senlleiras (o freixo da Porta e o carballo de Portacal), e de paso visita-la igrexa de San Xiao de Cumbraos. Despois da comida, comprobamos os traballos de mantemento do observatorio ornitolóxico e das fincas custodiadas por Fragas do Mandeo, observámo-las aves da lagoa, recollémo-lo lixo no seu entorno e rematámo-la excursión visitando o mosteiro de Sobrado, guiados polo profesor de historia D. Julián Ferrer.


A ruta por Sobrado cruzou varias carballeiras por antigos camiños, incluída unha vía romana.


Unha espectacular avenida de carballos levounos até a fermosa igrexa de San Xiao de Cumbraos.

Os expertos estiman que o carballo de Portacal ten entre 200 e 300 anos de idade, figurando no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

Na lagoa observámo-la variedade de especies de aves acuáticas, entre as que destacaba o somorgullo cristado.

No treito de camiño xacobeo que pasa a carón da lagoa recollemos unha morea de lixo, incluída a defensa dun vehículo.

O profesor de historia D. Julián Ferrer explicounos a evolución do mosteiro de Sobrado dos Monxes e os seus diferentes estilos arquitectónicos.

First published: 22-9-2013
Last update: 12-10-2014

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).