O declive da nosa flora e fauna
A biodiversidade da comarca de As Mariñas (Galicia, España) vese incrementada grazas á presenza dalgúns tesouros naturais: as especies de plantas e animais que están en perigo de desaparecer. Aínda que a defensa contra a súa extinción non depende exclusivamente de veciños e institucións locais, temos o deber moral de facer todo o posible por preservalas na nosa bisbarra. Deste xeito, estaremos a contribuír á súa conservación e recuperación global.
A cualificación de ameazada para unha especie depende de varios criterios e se establece en distintos graos. Así, unha especie pode estar en declive no conxunto do planeta, pero ser frecuente localmente, e viceversa. O mesmo ocorre coa gravidade da ameaza, que pode variar co ámbito territorial contemplado. A situación das especies vese reflectida mediante diversas escalas nas distintas lexislacións (autonómica, estatal e europea), e nas listas roxas dos organismos científicos. Segundo evoluciona a súa situación, a cualificación outorgada pode variar, pois os catálogos de especies ameazadas son revisados periodicamente, polo que é aconsellable consultalos directamente.
As categorías das ameazas na lexislación
O Catálogo Galego de Especies Ameazadas considera unha escala de catro niveis:
En perigo de extinción: Son aquelas nas que a súa supervivencia é pouco probable se os factores causantes da súa situación presente seguen actuando.
Sensibles á alteración do seu hábitat: Refírese ás que viven nun hábitat característico particularmente ameazado, en grave recesión, fraccionado ou moi limitado.
Vulnerables: Destinada ás que corren perigo de pasar ás categorías anteriores nun futuro inmediato, se os factores adversos que actúan sobre elas non son corrixidos.
De interese especial: Aquelas outras merecedoras de catalogación, pero que teñen un grao de ameaza insuficientemente coñecido.
Pola súa banda, o Catálogo Español de Especies Amenazadas contempla dúas categorías: en perigo de extinción e vulnerable, onde a primeira obriga á redacción dun plan de conservación no prazo de tres anos, subindo a cinco no caso da segunda.
A Directiva Hábitats da Unión Europea non cualifica a grao das ameazas das distintas especies e hábitats, pero establece unha escala de protección a través da inclusión en anexos que dan a medida da gravidade da situación:
Anexo I: Tipos de hábitats naturais de interese comunitario para os que a súa conservación require a designación de zonas especiales de conservación.
Anexo II: Especies animais e vexetais de interese comunitario que, para conservalas, precisan da designación de zonas especiales de conservación.
Anexo IV: Especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren unha protección estrita.
Anexo V: Especies animais e vexetais silvestres nas que a recollida ou captura, no caso de ser autorizada, ten que ser compatible co seu mantemento nun estado de conservación favorable.
A Directiva Aves é anterior á Directiva Hábitats, sendo nela onde se recollen as medidas de conservación das aves. No seu anexo I figuran as especies nas que o seu hábitat será obxecto de medidas de conservación co fin de asegura-la súa supervivencia e reprodución na súa área de distribución.
As listas vermellas
As listas vermellas son obras da comunidade científica onde se alerta da situación de risco das especies silvestres. Como o proceso de actualización da lexislación para recolle-las novas especies ameazadas sempre é lento, estas listas teñen un enorme valor como referencia do seu estado real e das medidas que hai que promover para conservalas.
A Lista Vermella da UICN é o inventario sobre o estado das especies de maior recoñecemento mundial, sendo de gran axuda para informarse do estado global dunha especie. Clasifica as especies en nove categorías: extinta, extinta en estado silvestre, en perigo crítico, en perigo, vulnerable, case ameazada, preocupación menor, datos insuficientes e non avaliado.
O Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente tamén ofrece información actualizada en diversos catálogos, englobados no Inventario Nacional de Biodiversidad.
Hábitats prioritarios
Igual que no caso das especies, tamén existen hábitats en perigo. A Directiva Hábitats define a categoría de hábitat natural de interese comunitario como aqueles que están ameazados de desaparición, presentan unha distribución natural reducida ou son representativos de determinadas áreas bioxeográficas. Dentro destes, cualifica de prioritarios ós que, estando ameazados de desaparición, a súa conservación supón unha especial responsabilidade para a Unión Europea por albergar gran parte da súa distribución natural. Figuran no anexo I da directiva, estando marcados cun asterisco os prioritarios. Foron traspostos á lexislación española na Ley del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad, onde tamén aparecen no anexo I. As zonas especiales de conservación (ZEC) se estableceron para conserva-los hábitats —e as especies— de interese comunitario, formando a Rede Natura 2000.
Os hábitats prioritarios presentes na bisbarra son os seguintes:
91E0*: Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae), localizados nos principais cursos fluviais.
9180*: Bosques de encostas, desprendementos ou barrancos do Tilio-Acerion, situados nas ladeiras do río Mandeo.
4020*: Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix, presentes nas depresións con drenaxe impedido (brañas).
4040*: Queirogais secos atlánticos costeiros de Erica vagans, con presenza na Costa de Dexo.
5230*: Mato arborescente de Laurus nobilis (moito máis residual que os anteriores).
6220*: Zonas subestépicas de gramíneas e anuais do Thero-Brachypodietea, dispersas pola bisbarra.
2130*: Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (dunas grises), na ría de Betanzos.
7220*: Mananciais petrificantes con formación de tuf (Cratoneurion), presentes na Costa de Dexo.
Flora
Na bisbarra de As Mariñas non se teñen atopado moitas plantas en situación delicada, pero non se descarta que se cheguen a localizar máis no caso de facer prospeccións minuciosas. Pasemos revista a algunhas das que se coñece a súa presenza.
A pequena orquídea Spiranthes aestivalis, de floración estival como indica o seu nome, está declarada en situación vulnerable no catálogo galego e figura no anexo IV da Directiva Hábitats.
Das cinco especies de narcisos presentes en Galicia, téñense localizadas poboacións de Narcissus cyclamineus, de Narcissus asturiensis e a subespecie Narcissus pseudonarcissus nobilis, nas ribeiras fluviais ou nos humidais das zonas altas. Os tres están catalogados como vulnerables na lexislación galega e figuran no anexo II da Directiva Hábitats. Tamén atopamos o Narcissus triandrus e o Narcissus bulbocodium (o primeiro no anexo IV da Directiva Hábitats e o segundo no anexo V).
A rica flora pteridolóxica da bisbarra inclúe seis especies ameazadas de fentos:
Isoetes fluitans: Declarado en perigo de extinción no catálogo galego e clasificado pola UICN como en perigo.
Dryopteris aemula: Declarado en situación vulnerable no catálogo galego e na lista vermella de flora española.
Dryopteris guanchica: Declarado en situación vulnerable no catálogo galego e na lista vermella de flora española.
Hymenophyllum tunbrigense: Declarado en situación vulnerable no catálogo galego e na lista vermella de flora española.
Trichomanes speciosum: Declarado en situación vulnerable no catálogo galego e na lista vermella de flora española (figura como Vandenboschia speciosa). Está incluído no Anexo II da Directiva Hábitats e clasificado pola UICN como preocupación menor.
Woodwardia radicans: Declarado en situación vulnerable no catálogo galego e incluído no Anexo II da Directiva Hábitats.
Invertebrados
Do mesmo xeito que no caso das plantas, os invertebrados da comarca son un grupo que precisa de moita investigación. A continuación citamos os localizados até hoxe.
Elona quimperiana: O caracol de Quimper, característico pola súa cuncha aplanada, está declarado en perigo de extinción no catálogo galego e figura nos anexos II e V da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como preocupación menor.
Margaritifera margaritifera: O mexillón de río, presente no Mandeo, Mero, Barcés e Lambre, está declarado en perigo de extinción nos catálogos galego e español, figurando nos anexos II e V da Directiva Hábitats. Na lista da UICN aparece como en perigo.
Coenagrion mercuriale: Este cabaliño do demo de cor azulada figura incluído no anexo II da Directiva Hábitats e na lista da UICN aparece como especie case ameazada.
Oxygastra curtisii: Esta libeliña que vive en zonas remansadas dos ríos está declarada vulnerable no catálogo español e figura incluída nos anexos II e V da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como case ameazada.
Cerambyx cerdo: O capricornio das aciñeiras é un escaravello de longas antenas que figura no anexo II da Directiva Hábitats e na lista da UICN como vulnerable.
Lucanus cervus: O popular escornabois é un endemismo ibérico que figura no anexo II da Directiva Hábitats. Na lista dos invertebrados de España aparece como preocupación menor.
Phengaris rebeli: Esta pequena bolboreta diúrna de cor azulada, anteriormente coñecida como Maculinea rebeli e por algúns considerada como subespecie de Phengaris alcon, figura na lista dos invertebrados de España como preocupación menor.
Endromis versicolora: Esta bolboreta nocturna ligada ós bidueirais aparece na lista dos invertebrados de España como vulnerable.
Euphydryas aurinia: Esta bolboreta diúrna punteada en tons pardos figura no anexo II da Directiva Hábitats.
Geomalacus (Geomalacus) maculosus: Tamén algunhas lagáchemas están ameazadas, como esta lesma pencada, que está declarada vulnerable no catálogo galego. Figura nos anexos II e IV da Directiva Hábitats e na lista da UICN aparece como preocupación menor.
Peixes
Con respecto ós peixes que habitan os ríos da bisbarra, pódese dicir que están ben estudados, polo que non se esperan sorpresas nin no tocante ó número de especies nin en relación co seu estatus.
Petromizon marinus: A poboación do golfo Ártabro da lamprea mariña está declarada en situación vulnerable no catálogo galego, e figura no anexo II da Directiva Hábitats. Na lista dos vertebrados españois figura como vulnerable en España.
Anguilla anguilla: A anguía, afectada como tódolos peixes migratorios polas presas sen pasos axeitados, figura na lista dos vertebrados españois como vulnerable en España e na lista da UICN como en perigo crítico.
Salmo salar: A poboación de salmón en auga doce, dos que algúns exemplares aínda soben o río Mandeo, figura no anexo II da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como preocupación menor.
Salmo trutta: A troita figura na lista dos vertebrados españois como vulnerable en España e na lista da UICN figura como preocupación menor. Esta categoría engloba tamén ó reo, que ven sendo a poboación de troita que migra ó mar.
Pseudochondrostoma duriense: O escalo, tamén coñecido cientificamente como Chondrostoma duriense, figura no anexo II da Directiva Hábitats. Na lista da UICN aparece como Pseudochondrostoma polylepis na categoría preocupación menor.
Achondrostoma arcasii: Tamén coñecida como Rutilus arcasii, a reñosa é un pequeno peixe endémico da Península Ibérica. Figura no anexo II da Directiva Hábitats e na lista da UICN como vulnerable.
Anfibios
Gran parte dos anfibios da bisbarra sofren algún tipo de ameaza e están a vivir un declive continuo, en consonancia co que pasa no resto do mundo. Por iso é tan importante conserva-las pozas onde viven, limpas e con auga.
Chioglossa lusitanica: A saramaganta é un endemismo noroccidental ibérico declarado en situación vulnerable no catálogo galego e no catálogo nacional. Figura nos anexos II e IV da Directiva Hábitats. Na lista da UICN aparece tamén como vulnerable.
Triturus marmoratus: O pintafontes verde figura nos anexos II e IV da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como preocupación menor.
Lissotriton helveticus: Tamén coñecido como Triturus helveticus, o pintafontes palmado figura no anexo II da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como preocupación menor.
Lissotriton boscai: Tamén coñecido como Triturus boscai, o pintafontes común figura no anexo II da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como preocupación menor.
Discoglossus galganoi: O sapiño pinto figura nos anexos II e IV da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como preocupación menor.
Alytes obstetricans: O sapiño comadrón figura nos anexos II e IV da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como preocupación menor.
Bufo calamita: O sapo corriqueiro figura nos anexos II e IV da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como preocupación menor.
Hyla arborea: A estroza, tamén coñecida como ra de San Antón, está declarada en situación vulnerable no catálogo galego e figura nos anexos II e IV da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como preocupación menor.
Rana temporaria: A ra vermella figura no anexo V da Directiva Hábitats. A subespecie parvipalmata está declarada en situación vulnerable no catálogo galego. Na lista da UICN figura como preocupación menor.
Rana iberica: A ra patilonga está declarada en situación vulnerable no catálogo galego. Figura no anexo IV da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como case ameazada.
Réptiles
Iberolacerta monticola: As poboacións de baixa altitude da lagartixa da serra na provincia de A Coruña están declaradas en situación vulnerable no catálogo galego. Aparece nos anexos II e IV da Directiva Hábitats como Lacerta monticola. Na lista da UICN tamén figura como vulnerable.
Lacerta schreiberi: O lagarto das silveiras figura nos anexos II e IV da Directiva Hábitats e aparece na lista da UICN como case ameazado.
Chalcides striatus: O esgonzo común figura na lista da UICN como preocupación menor.
Coronella girondica: A cobra lagarteira meridional aparece na lista da UICN como preocupación menor.
Natrix natrix: A cobra de colar está declarada en situación vulnerable no catálogo galego e na lista da UICN figura como preocupación menor.
Natrix maura: A cobra viperina está declarada en situación vulnerable no catálogo galego e aparece na lista da UICN como preocupación menor.
Aves
A grande mobilidade das aves fai que se teña que diferenciar entre tres grupos. As aves nidificantes (as que crían na zona) forman o primeiro grupo. O segundo son as que están presentes durante unha parte significativa do ano na nosa comarca, por usala como zona de invernada ou de paso nas súas migracións. Por último, están as que son avistadas raramente por ser divagantes (son desprazadas dos seus lugares habituais por vendavais) ou dispersantes posgenerativos (individuos novos que vagan despois de abandona-lo niño).
[Pendente de redactar...]
Mamíferos
Afortunadamente son poucas as especies de mamíferos presentes na bisbarra que entraron nas clasificacións de fauna ameazada.
Galemys pyrenaicus: O desmán ibérico, que atopa nas augas máis limpas dos nosos ríos o seu hábitat, está declarado en situación vulnerable no catálogo galego e na lista da UICN; figura nos anexos II e IV da Directiva Hábitats.
Lutra lutra: A lontra, que podemos atopala na bisbarra tanto nos ríos coma na costa, tense recuperado moito do seu pasado declive, pero aínda figura nos anexos II e IV da Directiva Hábitats. Na lista da UICN aparece como case ameazada.
Felis silvestris: O sempre furtivo gato montés figura no anexo IV da Directiva Hábitats. Na lista da UICN figura como preocupación menor.
Futuras investigacións
Para completa-lo coñecemento da flora e da fauna da bisbarra, precísanse prospeccións minuciosas por persoal cualificado. Os expertos consideran factible que se descubra a presenza de diversas especies ameazadas que non se teñen detectado aínda.
Entre as plantas, sospeitan a existencia nas brañas da cabeceira do río Mandeo de Euphorbia uliginosa e Lycopodiella inundata, declaradas en perigo de extinción no catálogo galego, así como Linkagrostis juressi, que figura como vulnerable.
Xa en hábitats costeiros, Rumex rupestris e a subespecie Omphalodes littoralis gallaecica están declaradas en perigo de extinción no catálogo galego, e a segunda tamén no catálogo nacional.
Entre os invertebrados fálase da posible presenza de varias especies. Amphinemura hibernatarii e Marthamea selysii son dous plecópteros que poden aparecer nos ríos da bisbarra e están catalogados como vulnerables na lista vermella de invertebrados de España. A libeliña Macromia splendens pode aparecer nos tramos anchos e lentos dos ríos; estando considerada como en perigo de extinción nos catálogos galego e español, figura nos anexos II e IV da Directiva Hábitats. Tamén poden aparece-los coleópteros Zabrus (Euryzabrus) pinguis, nas dunas costeiras, e Platycerus spinifer, nos bosques autóctonos (o primeiro figura como vulnerable e o segundo como datos insuficientes na lista vermella de invertebrados de España). As lesmas Deroceras hispaniensis, endémica do noroeste peninsular, e Furcopenis gallaeciensis tamén figuran ambas como vulnerables na lista vermella de invertebrados de España.
No caso dos réptiles, a lagartixa das brañas (Zootoca vivipara) pode estar presente nas brañas de zonas altas. Está declarada como vulnerable no catálogo galego (figura como Lacerta vivipara).
Por último, no tocante ós mamíferos, son os quirópteros os que precisan dunha campaña de prospección para determinar con seguridade as especies presentes na bisbarra e se están entre as nove que figuran como vulnerables no catálogo galego. No caso das aves é posible que se chegue a detectar algunha nova divagante ou dispersante, e entre os peixes, como dixemos, non se esperan novidades.
Non deixes de poñerte en contacto coa comunidade académica ou connosco se podes facilitar información sobre localización destas especies na comarca de As Mariñas. Na sección Contacto tes tódolos datos necesarios.