Disposicións que protexen especies silvestres e espazos naturais
Para coñece-lo grado de protección dunha especie é necesario consulta-la lexislación ambiental vixente tanto de carácter autonómico, coma estatal ou europeo. Outro tanto pasa cando queremos coñece-las figuras de protección dos espazos naturais, as árbores catalogadas como senlleiras, as especies consideradas invasoras ou as estratexias de conservación.
A continuación recollemos una selección da normativa vixente que pode sernos de axuda para entende-las medidas de conservación do patrimonio natural de aplicación na bisbarra de As Mariñas (Galicia, España).
Leis de conservación
Lei galega de conservación: Texto da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, na que se definen as categorías dos espazos naturais protexidos, o procedemento para a súa declaración, planificación e xestión, as medidas para a protección da fauna e a clasificación das especies ameazadas (“en perigo de extinción”, “sensibles á alteración do seu hábitat”, “vulnerables” e “de interese especial”).
Lei estatal de conservación: Texto da Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad, na que se definen e clasifican os espazos protexidos. Traspón a Directiva Hábitats e a Directiva Aves da Unión Europea, figurando os listados dos hábitats e as especies de interese comunitario (anexos I e II), as especies que precisan medidas especiais de conservación (anexo IV) e as que precisan protección estrita (anexo V). Tamén inclúe apartados referidos á conservación da biodiversidade, o fomento da sostibilidade e o plan estratéxico de conservación.
Especies protexidas
Catálogo Galego de Especies Ameazadas: Texto do Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, no que figuran os listados das especies e poboacións consideradas “en perigo de extinción” (anexo I) e “vulnerables” (anexo II).
Ampliación do Catálogo Galego de Especies Ameazadas: Texto do Decreto 167/2011, do 4 de agosto, polo que se modifica o Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas e se actualiza o dito catálogo, mediante o que se agregan sete novas especies na categoría de “vulnerables”.
Catálogo español de especies ameazadas: Texto do Real Decreto 139/2011, de 4 de febrero, para el desarrollo del Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial y del Catálogo Español de Especies Amenazadas, no que figura a lista das especies clasificadas “en perigo de extinción” e “vulnerables” no ámbito do Estado, así como aquelas das que se precisa vixia-la evolución do seu estado de conservación.
Directiva Hábitats: Texto da Directiva 92/43/CEE del Consejo de 21 de mayo de 1992 relativa a la conservación de los hábitats naturales y de la fauna y flora silvestres. No anexo I aparecen os hábitats naturais de interese comunitario, no anexo II as especies animais e vexetais (excepto aves) de interese comunitario, e no anexo IV as especies que, sendo de interese comunitario, requiren unha protección estrita. Esta directiva define a figura de “zona especial de conservación” (ZEC), que son os espazos naturais que conforman a Rede Natura 2000 conxuntamente coas ZEPA.
Directiva Aves: Texto da Directiva 2009/147/CE del Parlamento Europeo y del Consejo de 30 de noviembre de 2009 relativa a la conservación de las aves silvestres, na que figuran no anexo I as aves para as que hai que mellora-lo seu hábitat, así como as medidas que os estados da Unión Europea teñen que acometer para a súa conservación. Determina a creación das “zonas de especial protección para as aves” (ZEPA).
Áreas protexidas
Rede Natura en Galicia: Texto da Orde do 9 de xuño de 2003 pola que se declaran provisionalmente as zonas propostas para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000, como espazos naturais en réxime de protección xeral, onde figura o listado de espazos protexidos, a súa localización e extensión, así como algúns mapas.
Corrección Rede Natura en Galicia: Texto da Corrección de erros da Orde do 9 de xuño de 2003 pola que se declaran provisionalmente as zonas propostas para a súa inclusión na Rede Natura 2000, como espazos naturais en réxime de protección xeral, no que se publica o listado coas cifras correctas da extensión dos espazos protexidos.
Plan Director da Rede Natura en Galicia: Texto do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, onde figuran os mapas cos límites actualizados das ZEC, as especies e hábitats presentes que figuran nos anexos I e II da Directiva Hábitats, a zonificación e o plan de ordenación dos recursos naturais destes espazos protexidos.
Humidais protexidos: Texto do Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e se crea o Inventario de Humidais de Galicia. No anexo I figura a lista de humidais protexidos en Galicia, e no anexo II a tipoloxía de humidais.
Declaración dos ENIL e EPIN: Texto do Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural, no que se establece o procedemento polo que un concello pode solicita-la declaración dun ENIL no seu termo municipal, ou, no caso dun particular, a declaración da súa propiedade como EPIN.
Árbores senlleiras
Catálogo Galego de Árbores Senlleiras: Texto do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, mediante o que a Xunta de Galicia quere protexer aquelas árbores e formacións boscosas singulares presentes no territorio. No anexo I figura o listado de árbores senlleiras, e no anexo II o de formacións senlleiras.
Ampliación do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras: Texto da Orde do 3 de outubro de 2011 pola que se actualiza o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, que amplía o catálogo engadindo 51 árbores e formacións arbóreas.
Especies invasoras
Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras: Texto do Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, por el que se regula el Catálogo español de especies exóticas invasoras, que prohibe a posesión e a introdución no medio natural das especies catalogadas e se establecen as medidas para previ-la súa introdución, controla-la súa expansión e as estratexias de erradicación. No seu anexo figuran as especies que están incluídas no catálogo.
Planes estratéxicos
Plan estratéxico estatal de conservación: Texto do Real Decreto 1274/2011, de 16 de septiembre, por el que se aprueba el Plan estratégico del patrimonio natural y de la biodiversidad 2011-2017, en aplicación de la Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad. Contempla unha grande variedade de temas, elaborando un diagnóstico da situación actual, establecendo obxectivos a perseguir, metas a acadar, orzamentos asignados e indicadores de seguimento, para un período de seis anos.