Sendeiristas de Cambre estrean o novo peto

5 Marzo 2016

 
Esta mañá acompañamos a un grupo de excursionistas que se achegaron a Espenuca para facer unha ruta polo Mandeo até Betanzos. Forman parte do programa de sendeirismo Vente de marcha que o Concello de Cambre organiza dende hai 16 anos.

No miradoiro explicámoslles o proceso de degradación das nosas fragas. Os eucaliptos cegan as vistas do miradoiro na cara oeste; nas outras, de momento, podemos gozar da panorámica mentres non medren os que foron cortados recentemente. Logo baixamos á parcela que estamos recuperando, situada ó norte da capela, e alí explicamos os traballos realizados para a súa restauración ecolóxica. Por último, percorrémo-la senda que trazamos no que queda de carballeira, onde puideron comprobar o gran contraste de humidade e vexetación respecto dos montes onde prospera o eucalipto.

Como o pasado mes rachámo-lo peto dos donativos, estes sendeiristas estrearon o novo. Non sabemos cantos cartos botaron, pero pesa. Con este xesto amosaron a súa gratitude polo que fai Fragas do Mandeo. Un exemplo que deberían copiar tódolos grupos que visitan espazos naturais, de maneira que as entidades que están a traballar neses lugares pola conservación da natureza reciban unha pequena axuda dos que gozan dela.

Agradecemos ós organizadores que nos invitaran a explica-lo noso traballo e ós participantes a súa axuda.

Foto dos sendeiristas


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).